Os axentes ambientais e bombeiros forestais do servizo de prevención e defensa contra os incendios suman máis de 4.500 desinfeccións para previr o contaxio do coronavirus

Este labor, de carácter voluntario, ten como principal obxectivo reforzar a protección de centros de saúde, residencias da terceira idade e de discapacitados ou oficinas comarcais do rural galego

Malia estas funcións adicionais, queda garantida a súa plena dispoñibilidade para atender o seu principal cometido de prevención e extinción dos lumes forestais que se poidan rexistrar
 

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2020

Os axentes ambientais e bombeiros do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais (Spdcif) de Galicia levan realizadas xa máis de 4.500 desinfeccións en centros de saúde, residencias de maiores e discapacitados e outro tipo de instalacións, como parte da súa colaboración voluntaria para previr o contaxio do coronavirus.

En concreto, ata onte venres tiñan efectuadas un total de 4.516 desinfeccións, das cales 759 rexistráronse en centros asistenciais da provincia da Coruña, 964 en instalacións de Lugo, 2.308 na provincia de Ourense e 485 na de Pontevedra.

As desinfeccións, que estes traballadores realizan de xeito totalmente voluntario, estanse a levar a cabo de forma recorrente en ata 200 municipios galegos con menos de 5.000 habitantes. Ademais de nos exteriores dos centros asistenciais, estase a actuar noutras áreas do rural especialmente sensibles, como as beirarrúas ou as zonas establecidas para a recollida do lixo.

Para realizar estes traballos adecuadamente, os efectivos contan coa debida formación e con todo o material de protección e desinfección necesario, así como cos protocolos de actuación pertinentes, seguindo en todo momento as recomendacións sanitarias establecidas ao respecto.

Ademais, cómpre lembrar que todas estas funcións adicionais que realizan estes profesionais non impiden que desenvolvan a súa función principal e primordial, que é a de prevención e extinción dos incendios forestais que se poidan rexistrar en todo o territorio galego.
 

Imaxes relacionadas