Galicia contará por primeira vez cun plan específico para a prevención de incendios, dotado con máis de 30 millóns de euros

Feijóo salienta que o plan intervirá sobre case 46.000 hectáreas de xeito conxunto, en preto de 5.800 quilómetros de pistas forestais e outras vías de comunicación e ademais faranse traballos de mantemento en 3.207 puntos de auga

Sinala que as accións executaranse na súa maioría entre o 18 de maio e o 13 de xullo
 

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe na rolda de prensa do Consello que Galicia contará por primeira vez cun Plan específico e monográfico para a prevención de incendios, dotado con 30,5 millóns de euros.

“A nosa prioridade da saúde ten que facerse compatible coa prioridade forestal e cos dereitos e seguridade nos lumes forestais ante a tempada de verán que comeza xa a iniciarse”, afirmou Feijóo antes de explicar que este Plan é unha iniciativa integral que contempla as actuacións da Xunta e, tamén, as previstas en colaboración con outras institucións e particulares –que contan co apoio da Consellería do Medio Rural a través de convenios e subvencións– para previr os lumes. Ademais, salientou que esta iniciativa recollerá accións sobre o territorio, concretadas en traballos silvícolas preventivos, na creación e mellora de infraestruturas de defensa e en intervencións de mellora da xestión forestal. Unhas actuacións que se executarán na súa maioría entre o 18 de maio e o 13 de xullo.

O plan intervirá sobre case 46.000 hectáreas de xeito conxunto, en preto de 5.800 quilómetros de pistas forestais e outras vías de comunicación e ademais faranse traballos de mantemento en 3.207 puntos de auga.

As actuacións recollidas neste plan realizaranse, por unha banda, en montes e terreos forestais; e, por outra, nas faixas secundarias de xestión de biomasa, as dos 50 metros de terreo rústico máis próximas ás vivendas.

Así mesmo, de xeito complementario a esta planificación, desenvolveranse outras iniciativas que inciden na anticipación aos lumes, como son: a dotación de material e vehículos; o plan de pastos, cun investimento de 9,5 millóns de euros e que se prevé iniciar entre os meses de maio e xuño; a silvicultura preventiva; as aldeas modelo; ou os polígonos agroforestais.

“En definitiva, estamos traballando; miles de persoas comezarán a traballar de forma inmediata a partir do 18 de maio;” afirmou o presidente da Xunta, engadindo a modo de conclusión que espera “presentar o Pladiga –que é xa a fase de extinción de lumes– neste mes de maio e, en consecuencia, pechar xa a prevención e o Pladiga durante este mes e empezar os traballos de silvicultura e roza de forma inmediata a partir do 18 de maio”.
 

Imaxes relacionadas