A Xunta executa traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos dos ríos Umia, Bermaña, Chaín e Rego de Follente, nos concellos de Caldas de Reis e Portas

Os traballos están a desenvolverse en distintos tramos destes ríos ao longo de preto de 10,5 quilómetros ao seu paso polas parroquias de Santo André, Santa Mariña, Santa María de Fora, Santo Estevo, Santo Tomás e Santa María

As actuacións forman parte das intervencións de mantemento que vén realizando Augas de Galicia nas áreas con risco potencial de inundacións
 

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar os traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos dos ríos Umia, Bermaña, Chaín e Rego de Follente, nos concellos de Caldas de Reis e Portas.

Estas tarefas estanse a desenvolver nun tramo de preto de 10,5 quilómetros de lonxitude, que coincide co percorrido dos ríos polas parroquias de Santo André, Santa Mariña, Santa María de Fora, Santo Estevo, Santo Tomás e Santa María.

Os traballos forman parte das intervencións de Augas de Galicia nas áreas con risco potencial significativo de inundación (ARPSI).

As actuacións céntranse na retirada da canle de árbores, pólas, madeira morta e elementos susceptibles de causar atoamentos e, puntualmente, roza selectiva de maleza e tratamento de canas. Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Estas accións enmárcanse no programa de mantemento, conservación e mellora que realiza Augas de Galicia no dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-Sur.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.
 

Imaxes relacionadas