A Xunta adxudica a execución dunha senda peonil no Cancelo, no concello da Laracha, que facilitará a mobilidade dos veciños

Estas actuacións, cun investimento de case 50.000 euros, comezarán nas vindeiras semanas e teñen un prazo de execución de tres meses

O itinerario peonil construirase na marxe dereita da estrada AC-552, na zona do acceso á autoestrada AG-55 e ao parque empresarial

Esta intervención completará os traxectos peonís da área, pois tanto na marxe esquerda desta vía como na entrada ao parque empresarial xa existen sendas

O obxectivo do proxecto é incrementar a seguridade nos desprazamentos dos peóns, que son usuarios vulnerables das estradas
 

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2020

A Xunta vén de adxudicar as obras de construción dunha senda peonil no Cancelo, no Concello da Laracha, que facilitará a mobilidade dos veciños.
Estas actuacións, adxudicadas á empresa José No Mantiñán e Hijos Construcciones por un investimento de case 50.000 euros, comezarán nas vindeiras semanas e teñen un prazo de execución de tres meses.


O proxecto consiste na execución dunha senda na marxe dereita da estrada AC-552, entre os puntos quilométricos 23+220 e 23+420, na zona do acceso á autoestrada AG-55 e ao parque empresarial.


Este itinerario completará os traxectos peonís da zona, xa que tanto na marxe esquerda da propia estrada como na entrada ao parque empresarial actualmente xa existen sendas.
As obras executaranse sobre dominio público existente, cunha sección útil de 2,5 metros de ancho e pavimento de formigón.


A drenaxe resolverase cun novo colector de pluviais, cos seus correspondentes pozos de rexistro e sumidoiros.


O Goberno galego, mediante a execución deste tipo de actuacións, continúa mellorando a rede viaria autonómica, neste caso co incremento da seguridade dos peóns, usuarios vulnerables das estradas.