A Xunta licita por máis de 1,35 millóns de euros unha rede de control de caudal nos ríos con risco de inundacións na demarcación hidrográfica de Galicia-Costa

As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 16 de xuño

Instalaranse 50 puntos para o seguimento da rede fluvial en tempo real, reforzando os sistemas de alerta temperá para reducir os efectos negativos das inundacións

A información obtida axudará á Augas de Galicia e ás autoridades competentes a adoitar as medidas de protección ou evacuación necesarias en cada momento

Augas de Galicia vén de licitar tamén esta semana a explotación e mantemento da rede actual de estacións de seguimento dos caudais dos ríos da demarcación hidrográfica, cun investimento de máis de 640.000 euros

Actualmente as estacións de aforos realizan o control dos niveis de auga en 43 puntos da rede hidrográfica e permiten facer o seguimento das situacións hidrolóxicas, tanto de inundacións como de fenómenos de seca

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2020

A Xunta publica hoxe na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia a licitación do servizo de desenvolvemento dunha rede de aforos nos ríos das áreas con risco potencial significativo de inundacións (ARPSI) da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, cun investimento de 1,35 millóns de euros.
As empresas interesadas nestes traballos poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 16 de xuño.
O organismo hidráulico dispón dun programa de medidas establecido no Plan de xestión de risco de inundacións da demarcación Galicia-Costa, no que destacan as medidas e actuacións encamiñadas a reducir os efectos negativos producidos polas inundacións.
Con este contrato, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, busca implantar unha rede de estacións de control dos niveis de caudal en tempo real nos puntos máis significativos das áreas con risco potencial significativo de inundacións de Galicia-Costa, instalando 50 estacións de medida dos aforos nas seccións de control da rede fluvial. Esta rede complementará a información existente actualmente nos 43 puntos da rede hidrográfica de Galicia-Costa.
O traballo de control da evolución dos caudais en determinadas seccións das áreas de risco potencial de inundacións resulta fundamental como información base para os sistemas de alerta temperá. A información concreta en tempo real que se obtén a través da rede de aforos serve de axuda á administración hidraúlica da Xunta e ás autoridades competentes á hora de adoitar as medidas de protección ou evacuación que sexan necesarias en cada momento.
O control en continuo destes valores, permite ademais calibrar os modelos hidrolóxicos e hidráulicos desenvolvidos en cada ARPSI, o que redundará nun maior coñecemento do comportamento do río en cada zona e, polo tanto, a mellora na preparación ante unha inundación e a minimización dos efectos negativos.

Mantemento dos aforos da rede Galicia-Costa

Na liña das distintas medidas e actuación que a Xunta desenvolve nos ríos da demarcación Galicia-Costa, Augas de Galicia vén tamén de licitar esta semana a explotación e mantemento da rede actual de estacións de aforos, que permiten o seguimento dos niveis de caudais dos ríos da demarcación, cun investimento de máis de 640.000 euros.
Os traballos a contratar inclúen a explotación e mantemento das estacións de aforo e dos aparatos de medida localizadas nos ríos da demarcación e a realización de aforos directos nos ríos. As empresas interesadas neste contrato poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 15 de xuño.
Mediante estas estacións de aforos, Augas de Galicia realiza o control da variación dos niveis de auga en tempo real en 43 puntos da rede hidrográfica de Galicia-Costa, o que permite ter información dos caudais circulantes en cada momento.
Esta rede permite facer o seguimento das situacións hidrolóxicas extremas en tempo real, tanto inundacións como fenómenos de seca, constituíndo unha ferramenta básica de axuda na toma de decisións.
A información obtida nas estación de aforo resulta fundamental para realizar a planificación hidrolóxica por parte de Augas de Galicia, xa que permite estimar os recursos existentes na demarcación hidrográfica, a caracterización das masas de auga, a ordenación dos usos, o mantemento de réximes hidráulicos e a conservación das concas dos ríos e a súa preservación natural.
Os datos recadados nas estación de seguimento do nivel de caudais permite a Augas de Galicia empregar esta información para a supervisión das obras hidráulicas e o deseño, ordenación e execución das grandes redes de distribución de abastecemento e saneamento.
Tamén achega información para a realización de diversos tipos de estudos, tanto por parte de Augas de Galicia, como doutras administracións públicas, universidades ou usuarios da auga.

Imaxes relacionadas