As conselleiras de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e do Mar, Rosa Quintana, mantiveron unha videoconferencia co equipo responsable das actuacións para supervisar o avance e as medidas de protección de saúde por mor do COVID-19

A Xunta constata que o novo tanque de tormentas de Rianxo estará rematado na primavera de 2021 e avanza na ampliación da depuradora, cun investimento total de 14 millóns de euros

O novo colector interceptor, con maior capacidade que o actual, está practicamente rematado

Tamén avanzan as obras do tanque de tormentas soterrado, que regulará o caudal que chega á depuradora, almacenando as augas, antes de ser bombeadas á EDAR

De modo paralelo, continúan os traballos na ampliación da depuradora, para adecuar a capacidade de tratamento ás necesidades reais do municipio
 

Santiago, 7 de maio de 2020

A Xunta avanza na mellora do saneamento de Rianxo co novo tanque de tormentas que estará rematado na primavera de 2021 e a ampliación da depuradora, nos que inviste 14 millóns de euros.

As conselleiras de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e do Mar, Rosa Quintana, xunto coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, mantiveron unha reunión, por videoconferencia, co equipo responsable destas actuacións para supervisar o seu avance.
No encontro, no que tamén participaron o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, constatouse que as obras se están a realizar coas necesarias medidas de protección da saúde dos profesionais para evitar contaxios polo COVID-19.

Ethel Vázquez destacou estas dúas actuacións son estratéxicas para o concello de Rianxo, pois permitirán prestar mellores servizos aos veciños e contribuirán ao saneamento integral da ría de Arousa, beneficiando a pesca, o marisqueo, a acuicultura, o turismo e a saúde. Estas actuacións enmárcanse na aposta da Xunta por apoiar aos concellos nas súas competencias municipais de saneamento e depuración.

Na reunión abordouse a evolución nos traballos, que xa posibilitaron que o novo colector interceptor, con maior capacidade que o actual, estea practicamente rematado. Executouse baixo o paseo, que xa está acondicionado de novo e ao servizo dos veciños.

Tamén avanzan as obras do tanque de tormentas soterrado, que permitirá regular o caudal que chega á depuradora, almacenando as augas, fundamentalmente de choiva, antes de ser bombeadas á EDAR, a través dun pozo de bombeo, contiguo ao tanque.
A tubaxe de impulsión do tanque á depuradora e as pantallas do tanque de tormentas tamén están xa acometidas. Ademais, están preparados a plataforma e o muro para que poida entrar a tuneladora, previsiblemente en xuño.

De modo paralelo, continúan os traballos na outra actuación, é dicir, na ampliación da depuradora, para adecuar a capacidade de tratamento ás necesidades reais do municipio.
No marco das actuacións previas para á posta á disposición dos terreos, xa se repuxo a rampla do Club Náutico, polo que mañá se recepcionará esta parte da actuación, que permitirá reanudar a actividade deportiva.

Tamén se levaron a cabo os movementos de terras na parcela e nestes momentos os traballos que se están a executar están asociados ao lastrado da condución de vertido da depuradora.

A conselleira do Mar, pola súa banda, trasladou a confianza do Executivo galego de que estas actuacións permitan mellorar a calidade das augas nesta zona da ría de Arousa e a clasificación microbiolóxica dos seus bancos marisqueiros. Actuacións semellantes a esta xa contribuíron a que entre 2009 e decembro do ano pasado houbese en Galicia unha melloría en 28 zonas de produción de moluscos bivalvos -6 polígonos de bateas e 638 bateas beneficiadas- e 22 zonas de moluscos infaunais, con 138 bancos marisqueiros beneficiados e unha superficie estimada de máis de 13,5 millóns de metros cadrados.
 

Imaxes relacionadas