A conselleira de Política Social mantivo unha videoconferencia cos representantes das entidades sociais que conforman o Comité de seguimento do 0,7% do IRPF

A Xunta fará unha consulta xurídica sobre a constitucionalidade do reparto do 0,7% do Imposto de Sociedades proposto polo Goberno central

Supón que se repartan directamente desde Madrid 34 millóns de euros máis que o ano anterior en axudas sociais directas, que son competencia autonómica

Por outra banda, o reparto do 0,7% do IRPF trasladado pola Vicepresidencia de Derechos Sociales é once veces peor para Galicia que para a inmensa maioría das comunidades

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, avanzou que a Xunta fará unha consulta xurídica sobre a constitucionalidade do reparto do 0,7% do Imposto de Sociedades que propón o Goberno central. Trátase dunhas axudas novas, incluídas nos Orzamentos Xerais do Estado de 2018, por un importe de 34 millóns de euros que a Vicepresidencia de Derechos Sociales quere distribuír de xeito directo.

O Tribunal Constitucional confirmou en 2017 que o reparto dos fondos do 0,7% do IRPF son unha competencia autonómica, polo que a Xunta consultará se esta xurisprudencia é compatible coa proposta de que as axudas con cargo ao 0,7% do Imposto de Sociedades sexan xestionadas directamente polo Goberno central.

Ademais, a conselleira de Política Social lembrou que, na proposta do Goberno central, Galicia e outras tres comunidades autónomas reciben un trato once veces peor que todas as demais comunidades autónomas. A asignación destas comunidades, incluída a nosa, actualízase só o 0,9% correspondente á inflación, mentres que a de todas as demais autonomías medra como mínimo un 11%.

Fabiola García trasladou todas estas cuestións ás entidades sociais que forman o Comité de seguimento do 0,7% do IRPF: EAPN-Rede galega contra a pobreza, o CERMI-Galicia (que agrupa ás principais entidades de persoas con discapacidade), a ONCE, a Cruz Vermella e Cáritas.

Imaxes relacionadas