A Xunta adxudica as obras de mellora do sistema de bombeo da rede de saneamento na parroquia de San Nicolás, en Neda

Esta actuación conta cun investimento autonómico de case 50.000 euros

Para solucionar as actuais deficiencias no mecanismo de bombeo, instalaranse variadores de frecuencia que permitan axustar os caudais

O Goberno galego continúa prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que proporcionen axeitadamente os servizos de saneamento e abastecemento
 

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de mellora do sistema de bombeo da rede de saneamento na parroquia de San Nicolás, no Concello de Neda.


Esta actuación, adxudicada á empresa Espina y Delfín, conta cun investimento autonómico de case 50.000 euros.


Na actualidade, o bombeo da estación de ferrocarril dispón de dúas bombas cun caudal de 90 m3/h cada unha, que é incompatible co actual bombeo da entrada á planta que se sitúa entorno aos 50 m3/h.


Para solucionar estas carencias, modularase o réxime do funcionamento do bombeo da estación de ferrocarril e comunicaranse ambos bombeos.


Os traballos consistirán na instalación de variadores de frecuencia que permitan axustar os caudais a valores próximos as 50 m3/h. Colocarase un cadro eléctrico dotado destes variadores que contarán con sistema de alarma.


A Xunta, a través de Augas de Galicia, continúa prestando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan proporcionar axeitadamente os servizos de saneamento e abastecemento aos cidadáns.