A Xunta envía esta semana 25.000 novas unidades de protección aos 67 concellos da provincia de Lugo

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explica que dende que comezou a crise sanitaria o Goberno galego entregou aos municipios da provincia 109.000 máscaras cirúrxicas e 158.600 guantes, entre outro material

Lugo, 6 de maio de 2020

A Xunta de Galicia completará hoxe un novo reparto de material e equipos de protección individual (EPIs) en todos os concellos da provincia, distribuíndo nesta ocasión 25.065 unidades de protección fronte o coronavirus. En concreto, estanse entregando 8.000 máscaras cirúrxicas, 237 pantallas faciais, 15.800 guantes, 331 traxes antisalpicaduras, 490 batas e 157 botes de xel desinfectante.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou que o Goberno galego ven realizando unha entrega semanal aos municipios dende o primeiro envío do día 24 de marzo. Así, dende o comezo da crise sanitaria subministrou na provincia 278.500 unidades de protección, entre as que destacan 158.600 guantes, 110.000 máscaras, 7.000 traxes e batas antisalpicaduras, e produtos de desinfección.

O material está sendo destinado para o seu uso, principalmente, nos servizos de Axuda no Fogar, Protección Civil e Policía Local, pero tamén noutros que resultan igualmente esenciais, segundo as informacións facilitadas polos propios municipios

A Xunta realiza o subministro deste material en todos os concellos a través dunha plataforma loxística que puxo en marcha para axilizar o proceso e centralizar a adquisición e o reparto de equipos de protección individual durante a emerxencia sanitaria polo coronavirus.

Os criterios de reparto están consensuados coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e teñen en conta aspectos como a poboación, o número de casos positivos, o número de efectivos de Policía, o número de voluntarios de Protección Civil, e o número de horas do servizo de axuda no fogar.

Imaxes relacionadas