A Xunta publica no DOG a transferencia a prol do Concello de Arbo de diversos treitos da estrada provincial que comunica esta vila coa Cañiza

Trátase de cinco treitos da estrada EP-5003 na Lomba

O departamento de Infraestruturas da Xunta ten entre as súas funcións a tramitación dos cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da comunidade autónoma e das entidades provinciais e locais

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2020

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o decreto da aprobación do cambio de titularidade a prol do Concello de Arbo de diversos treitos da estrada provincial EP-5003 que comunica A Cañiza con esta localidade.
O concello pontevedrés solicitou á Deputación provincial o cambio de titularidade de cinco treitos desta vía na Lomba. Esta petición dá cumprimento ao previsto nun convenio asinado entre as dúas administracións.
A Administración provincial de Pontevedra acordou aprobar o cambio de titularidade proposto, polo que emitiu informe favorable para a transferencia dos distintos treitos, solicitando o cambio de titularidade desta estrada á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.
Os treitos da estrada EP-5003 que se transfiren correspóndense cos puntos quilométricos que van dende o 8+790 ao 8+920, 10+840 ao 10+940, 10+960 ao 11+080, 11+880 ao 12+020, e desde o punto quilométrico 12+200 ata o 12+374.
A transferencia a prol do Concello de Arbo tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que estable a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade como competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións implicadas.
Co cambio de titularidade aprobado o pasado día 8 de abril polo Consello da Xunta, o Concello pontevedrés terá a competencia para actuar nesta vía e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.
O decreto publicado hoxe producirá efectos a partir de mañá, e a entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación, tal e como recolle o propio DOG: https://cutt.ly/QylsQ4G