A Xunta roza as marxes de case 1.500 quilómetros de estradas luguesas para mellorar a seguridade viaria

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que os traballos teñen un orzamento de 643.500 euros e rematarán a finais de xuño

Lugo, 5 de maio de 2020

A Xunta de Galicia vén de iniciar a campaña de limpeza das marxes da rede viaria autonómica da provincia de Lugo, que prevé ter en marcha ata finais de xuño. En total, actuarase nuns 1.490 quilómetros de estradas.

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destina 643.555 euros a esta actuación, que desenvolve periodicamente nestas datas para mellorar a seguridade na circulación.

As actividades de mantemento, roza e segado nas marxes das estradas comezan nas zonas onde a vexetación, por particularidades climáticas ou biolóxicas, presenta un estado máis avanzado.

Deste xeito, increméntase a seguridade nas vías ao mellorar as condicións de visibilidade e diminuír a presenza de materia potencialmente esvaradía; optimiza a capacidade de evacuación dos sistemas de drenaxe da estrada (cunetas, tubos...), evitando estancamentos por vexetación; favorece a percepción da irrupción de animais na calzada con maior antelación, permitindo dispoñer dun maior tempo de reacción ao condutor para evitar posibles colisións. Ao mesmo tempo, o aspecto limpo disuade de posibles verteduras incontroladas.

Trátase sobre todo de rozas que deben facerse durante esta época, cando xa xerminaron as especies herbáceas, con tempo seco. A limpeza das cunetas incrementa, ademais, a efectividade da estrada como cortalume en caso de incendio.

Balseiro precisou que estes traballos execútanse con cargo aos contratos de conservación ordinaria e vialidade invernal das zonas norte e sur da provincia de Lugo.

Imaxes relacionadas