A Xunta leva entregadas á cidade de Lugo máis de 51.400 unidades de protección contra o Covid-19

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, destacou que hoxe mesmo o Goberno autonómico enviou á capital da provincia o quinto envío que incluíu máis de 5000 novas unidades, entre mascarillas, traxes, pantallas de protección facial e batas

Lugo, 5 de maio de 2020

A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza leva entregadas á cidade de Lugo máis de 51.400 unidades de protección individual nos diferentes envíos que se veñen de efectuar desde a plataforma loxística despois do inicio do estado de alarma.

Segundo informou hoxe o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, hoxe mesmo realizouse o quinto reparto á cidade da Muralla que incluíu 3500 luvas, 1400 mascarillas e 58 traxes buzo, 30 pantallas de protección facial e 50 batas Inditex, isto é, máis de 5000 novas unidades.

Balseiro destacou o esforzo que se está a realizar o Goberno galego para dotar do equipamento necesario ás entidades locais para que o persoal dos servizos municipais involucrados na loita contra a expansión do Covid-19 conten co material de protección que precisan. Así lembrou que a Administración autonómica adquiriu directamente material de protección para garantir a seguridade –de xeito preferente- dos profesionais que traballan en servizos municipais esenciais como Protección Civil ou Axuda a Domicilio.

Cómpre lembrar tamén que o 90% dos equipos que saen do centro foron subministrados pola Administración autonómica. Por iso, desde a Xunta solicítase unha maior coordinación entre administracións e máis implicación do Estado, coa finalidade de garantir a dotación de material á poboación.

Imaxes relacionadas