A Xunta avalía con Asemaco medidas de prevención e seguridade laboral na volta á actividade

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo un encontro coa Asociación de Empresarios de Materiais para a Construción (Asemaco), dentro da rolda de contactos cos diferentes axentes económicos

Lembra a importancia de garantir sempre as condicións de seguridade e o cumprimento dos protocolos

A Administración autonómica leva repartidas preto de medio millón de máscaras entre os traballadores da construción

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe que a reactivación económica ten que vir acompañada do impulso de medidas en materia de prevención e seguridade laboral. Neste sentido, mantivo un encontro telemático coa Asociación de Empresarios de Materiais para a Construción (Asemaco), dentro da rolda de contactos cos diferentes axentes económicos e sociais, co obxectivo de avaliar o impacto da crise no sector e as inquedanzas que provoca nas empresas de almacén e distribuidores.

O conselleiro lembrou que a volta á actividade da construción, garantindo sempre as condicións de seguridade e o cumprimento dos protocolos, foi unha das demandas da Xunta. Para iso, entre outras medidas, aprobouse un plan de reactivación do 100% da obra pública que estaba en execución en Galicia antes do estado de alarma, con 500 obras que supoñen 5300 postos de traballo.

Tal e como subliñou Francisco Conde, a premisa é que se respecten as medidas de prevención mantendo as distancias de seguridade, co debido material de protección e reforzando as medidas de hixiene. E para cumprir ese obxectivo, subliñou, é polo que a Xunta leva repartidas preto de medio millón de máscaras entre os traballadores da construción coa axuda dos clusters e das asociacións empresariais.

Ao mesmo tempo, nesta fase de reactivación económica, é preciso que o Goberno estableza un período transitorio para que ás empresas que solicitaron un Erte o poidan sincronizar coa recuperación gradual da súa actividade e o mantemento do emprego.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria tamén lembrou que a Xunta activou un programa para que os traballadores afectados en Galicia por un Erte autorizado poidan solicitar no banco un anticipo de ata 1500 euros mentres non cobren do Estado, cun máximo de 750 euros ao mes. Ademais, as pemes e os autónomos poden acceder a unha liña de préstamos sen intereses para lograr liquidez.

Emprego feminino

O conselleiro tamén se reuniu esta mañá por videoconferencia con representantes da Asociación Executivas de Galicia, coas que abordou as consecuencias da crise do Covid-19 entre o colectivo de mulleres traballadoras, especialmente, en materia laboral. Coincidiron na importancia de coñecer as necesidades presentes e futuras que esta crise vai provocar no conxunto de mulleres en activo en Galicia para poder achegarlles solucións, en termos de conciliación; en materia laboral, pola incidencia do desemprego ou a implantación do teletraballo; e de formación, relacionada sobre todo coa dixitalización.

Imaxes relacionadas