A Xunta recibe da empresa Moonoff unha doazón de 100.000 mascarillas que chegarán aos concellos galegos a través da plataforma loxística Clonegal

Esta nova entrega de material aos concellos sumase ás máis de 1,5 millóns de unidades de protección que xa teñen recibidas e que no caso das sete cidades galegas, trátase de 416.400 equipos de protección individual

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2020

A Xunta de Galicia recibiu da empresa Moonoff unha doazón de 100.000 mascarillas, que serán repartidas en todos os concellos galegos a través da plataforma loxística Clonegal.

A empresa Moonoff entregou o material ao centro loxístico que a Xunta puxo en marcha para centralizar a adquisición e distribución de equipos de protección individual durante o estado de alarma e a emerxencia sanitaria por coronavirus, Clonegal, e dende aí será repartidas aos 313 concellos galegos.

O Goberno galego agradece estas doazóns xa que na loita contra o COVID-19 todos debemos estar unidos cun mesmo obxectivo, que é rematar canto antes con esta pandemia. Ademais, os galegos e galegas deben poder contar con material de protección, tanto para o traballo como para a vida cotiá. Polo que nestes momentos é fundamental a colaboración, a cooperación, a lealdade e o traballo conxunto entre todos e todas, tanto empresas, como administracións públicas e cidadáns.

Material de protección

Esta nova entrega de material aos concellos sumase ás máis de 1,5 millóns de unidades de protección que xa teñen recibidas e que no caso das sete cidades galegas, trátase de 416.400 equipos de protección individual.

A Xunta realizou ademais esta semana un novo envío ás residencias e entidades sociais galegas públicas e privadas. Trátase da quinta entrega que, xunto coas anteriores, suman 2,2 millóns de unidades.

Entre os elementos enviados inclúense máscaras, luvas, traxes antisalpicaduras, batas, calzas, gorros e pantallas faciais e oculares, ademais de xel hidroalcohólico, lixivia e desinfectante.