A Xunta reabre o prazo de presentación de ofertas para a execución das obras de mellora da rúa Marcelo Macías, en Ourense, cun investimento de máis de 1,7 millóns de euros

Reactívase o procedemento de licitación do contrato suspendido inicialmente coa declaración do estado de alarma, co obxectivo de iniciar as obras a finais de verán

As empresas interesadas nestes traballos, cun prazo de execución de 12 meses, dispoñen ata o día 7 de maio para presentar as súas ofertas

Esta actuación consistirá na renovación do firme e na mellora das beirarrúas nun tramo de 1,3 quilómetros

Tamén se levará a cabo o mantemento no viaduto sobre o río Barbaña, que se dotará de iluminación singular, e renovaranse as redes de abastecemento, saneamento e alumeado

Ademais reforzarase a seguridade viaria con pasos de peóns con iluminación específica

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de reabrir o prazo de presentación de ofertas para a execución das obras de acondicionamento da rúa Marcelo Macías, cun investimento de máis de 1,7 millóns de euros.
A Xunta reabriu hoxe o prazo de presentación de ofertas para realizar esta actuación, xa licitada, pero afectada inicialmente pola suspensión de prazos nos procedementos administrativos coa declaración do estado de alarma.
A reactivación do procedemento, que recolle xa a plataforma de contratos públicos da Xunta, establece que as empresas interesadas na execución deste proxecto poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 7 de maio.
As obras teñen un prazo de execución de 12 meses e o obxectivo do departamento de Infraestruturas da Xunta e poder inicialas a finais de verán.
As obras na rúa Marcelo Macías consistirán na renovación do firme e dos servizos, así como na mellora das beirarrúas ao longo de 1,3 km.
A intervención aproveitarase para facer labores de mantemento no viaduto sobre o río Barbaña, que se dotará de iluminación singular, e traballarase na accesibilidade peonil. Tamén, no referente aos servizos, renovaranse as redes de abastecemento, saneamento e alumeado.
Ademais as obras inclúen o reforzo da seguridade viaria con pasos de peóns con iluminación específica.
Todas estas renovacións de servizos supoñen un incremento do custo de proxecto inicial, polo que se fixo necesario un compromiso de cofinanciamento do 30% por parte do Concello de Ourense nesta actuación.