A Xunta publica hoxe no DOG a aprobación do proxecto de construción de mellora da capacidade e seguridade da estrada que une a autovía Ferrol-Vilalba e Ortigueira

Trátase da primeira fase de acondicionamento do treito comprendido entre a AG-64 e Ponte Mera, ao seu paso polos concellos de San Sadurniño, Moeche e Cerdido, e suporá un investimento autonómico de 7,1 millóns de euros

Os traballos centraranse na rectificación de curvas, ampliación da estrada e novo terceiro carril de adiantamento en 3,8 km, así como na mellora do carril adicional actual sentido Ferrol

Esta actuación enmárcase no conxunto de proxectos para mellorar as estradas das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal impulsados pola Xunta de Galicia
 

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2020

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se fai pública a aprobación do expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción de mellora da capacidade e seguridade da estrada AC-862, que une a autovía Ferrol-Vilalba e Ortigueira.

O orzamento estimado desta intervención impulsada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ascende a máis de 6,47 millóns de euros, aos que se engaden uns 677.000 para o pagamento das expropiacións dos 178 predios necesarios para executar a mellora.
No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://cutt.ly/Oyjxtmd
Trátase da primeira fase de acondicionamento do treito comprendido entre a AG-64 e Ponte Mera, ao seu paso polos concellos de San Sadurniño, Moeche e Cerdido.

En total, nesta primeira fase habilitarase un novo un terceiro carril de adiantamento ao longo de 3,8 km, ademais de mellorar o carril adicional actual existente en sentido Ferrol.
A actuación iníciase no punto quilométrico 17+500, unha vez superado o núcleo de San Sadurniño e tras deixar atrás o enlace coa AG-64.

As principais actuacións proxectadas son a corrección de trazados nos treitos curvos, mellora e redeseño das interseccións existentes e o encaixe e dimensionamento de carrís lentos, naqueles treitos onde é viable. Tamén se prevé a revisión e acondicionamento da sinalización vertical e horizontal e a análise dos xiros á esquerda e da seguridade viaria.
Máis en concreto, as accións comezarán pola execución dun carril adicional sobre a calzada existente entre os puntos quilométricos 17+700 e 19+960, a rectificación do trazado e construción dun carril adicional dos puntos 29+000 ata o 29+970.

Ademais, entre os puntos quilométricos 30+260 e 31+440, as obras darán continuidade ao treito anterior coa rectificación do trazado e engadindo un carril de adiantamento, completándose a intervención coa rectificación da curva situada entre os puntos quilométricos 34+380 e 34+924.

Cómpre sinalar que, tras o período de información pública e con base nas alegacións recibidas, neste proxecto decidiuse non incluír a glorieta do punto quilométrico 24+150, que, se é o caso, será obxecto dunha actuación independente.
Para a segunda fase, cuxo proxecto está en redacción, resérvanse as actuacións para executar entre os puntos quilométricos 37+340 e 42+380.

Esta actuación enmárcase no conxunto de proxectos para mellorar as estradas das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal impulsados pola Xunta de Galicia.