A Xunta inicia este luns a obra de paso sobre o río Vao, en Coristanco, para facilitar o acceso ás fincas nun camiño de servizo da autovía da Costa da Morte

Esta intervención supón un investimento autonómico de 35.000 euros e os traballos teñen un prazo estimado de execución de 1 mes

Actuarase no camiño de servizo da marxe dereita da autovía para permitir un aforro nas distancias percorridas para acceso ás fincas, ás que actualmente se debe acceder por un lugar distinto de cada marxe do río
 

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciará mañá as obras de paso sobre o río Vao, en Coristanco, para facilitar o acceso ás fincas nun camiño de servizo da autovía da Costa da Morte.

Esta intervención, cun investimento autonómico duns 35.000 euros, terá un prazo de execución estimado de 1 mes.

Con esta intervención aténdese a solicitude do Concello de Coristanco para permitir o cruce dun curso de auga no camiño de servizo da marxe dereita da autovía, no seu punto quilométrico 40+070.

O camiño de servizo existente dá acceso actualmente a todas as fincas, pero non hai posibilidade de cruzar o rego, debéndose acceder ás propiedades de cada marxe do río por un lugar distinto. Coa execución da obra de paso permitirase un aforro nas distancias percorridas para o acceso ás fincas.

Os traballos consistirán na disposición de tres marcos de 2x1 metros de sección rectangular, colocados en paralelo, un a carón do outro. Esta sección adáptase ao ancho do canle existente, de 6 metros, permitindo desaugar á avenida ordinaria.

A actuación desenvólvese en terreos titularidade do departamento de Infraestruturas da Xunta, polo que non é necesario realizar expropiacións.