A Xunta de Galicia leva entregados aos veciños da provincia da Coruña 1.808 ordenadores para familias con menos recursos desde o inicio da crisis do coronavirus

Os equipamentos distribuíronse en todos os centros públicos galegos que imparten Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e Formación Profesional, que se encargan de entregalos ás familias

Os ordenadores entregáronse nun primeiro momento recorrendo aos equipos que estaban nos propios centros e posteriormente a Consellería de Educación, Universidade e Formación realizou dous novos envíos, o último esta mesma semana

A Coruña, 1 de maio de 2020

A Xunta de Galicia leva entregados máis de 1.808 ordenadores para familias con menos recursos nos concellos da provincia da Coruña desde o inicio da crise do coronavirus.

A distribución destes portátiles levouse a cabo nun primeiro momento repartindo os equipos dispoñibles nos centros educativos cando se decretou e estado de alarma, nese momento repartíronse na provincia 814 equipos, e posteriormente a Xunta de Galicia está levando a cabo, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), un reparto de ordenadores portátiles con conexións a internet gratuítas, para as familias con menos recursos e cuxos fillos cursen Secundaria, Bacharelato ou Formación Profesional.

Esta medida realizase en colaboración cos operadores R, Vodafone e Orange. A familias reciben os equipos e a conectividade como préstamo persoal para facilitarlles aos seus fillos o seguimento da actividade educativa, mentres dure o estado de alarma. Neste caso na provincia da Coruña entregáronse 994 equipos, a segunda das entregas estase levando a cabo esta mesma semana.

Esta distribución de portátiles ás familias estase levando a cabo a través dos centros de ensino, grazas á colaboración dos equipos directivos, cos que se contacta previamente para pechar a entrega do equipamento. No reparto tense en conta a súa situación socioeconómica das familias, priorizando o alumnado dos cursos de final de etapa que titulen (4º da ESO, 2º de Bacharelato e 2º de FP) e a aquelas familias que non dispoñen nos fogares de ordenador nin de conexión a internet.

O delegado territorial Ovidio Rodeiro tamén lembrou que no momento en que se decretou o estado de alarma os alumnos integrados nos programas Abalar e Edixgal tamén tiveron a oportunidade de levarse aos seus domicilios os ordenadores, propiedade da Xunta. Neste caso, na provincia da Coruña 5.020 alumnos contan con este tipo de equipos nos seus fogares. “Neste senso, apuntou Ovidio Rodeiro, hai que destacar que máis de 6.828 nenas e nenos da provincia da Coruña contan con ordenadores da Xunta nos seus fogares para afrontar estes momentos tan difíciles”.

Acordo coa FEGAMP

Ovidio Rodeiro tamén lembrou que esta mesma semana a Xunta de Galicia aprobou que, -a través da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)-, a FEGAMP e os concellos de Galicia que o consideren, establecerán unha liña de colaboración para a mellora da conectividade e a dotación de recursos tecnolóxicos ao alumnado do ensino non universitario. O obxectivo deste principio de acordo é aproveitar as sinerxías, evitar solapamentos entre administracións e acadar a máxima cobertura do servizo no ámbito da atención educativa.

No acordo establécese que, por razóns de competencia, o Goberno galego atenderá con prioridade ao alumnado de ESO, Bacharelato e FP, de acordo cos criterios de promoción e titulación. Pola súa banda, os concellos interesados en colaborar no préstamo e reparto de equipamento e conectividade de propiedade municipal daralle prioridade ao alumnado das etapas de Infantil e Primaria, de acordo coa Lei Orgánica de Educación e da normativa en materia de Réxime Local.

A maiores, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e a Amtega traballarán coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) nun protocolo para a creación dunha base de datos de equipamentos única con destino ao alumando non universitario, que identifique os beneficiarios e evite eventuais solapamentos nas entregas do material. Trátase tamén de actuar baixo o principio de subsidiariedade administrativa de xeito que os equipamentos locais se circunscriban principalmente a atender as demandas nas etapas de Infantil e Primaria, mentres que a Xunta de Galicia lle da prioridade a ESO, Bacharelato e FP.

Finalmente, no que atinxe á recollida ou distribución de material non informático, estableceuse que os centros educativos poderán solicitar, se fose preciso, a colaboración dos servizos de Protección Civil ou da Policía Local, para efectuar ditas entregas.