A Xunta reparte durante a crise do coronavirus 600 ordenadores entre o alumnado con menos recursos da provincia de Ourense co fin de garantir a actividade educativa en liña

Ademais dos portátiles con conectividade que enviou a Axencia para a Modernización Tenolóxica de Galicia, tamén se distribuíron tabletas e portátiles que estaban dispoñibles nos centros educativos

Estes recursos tecnolóxicos súmanse aos que ofrece a Administración autonómica durante todo o curso aos alumnos dos centros que participan nos programas dixitais Abalar e E-Dixgal

Ourense, 1 de maio de 2020

Desde que se decretou o estado de alarma e alerta sanitaria pola crise do coronavirus a Xunta de Galicia, en colaboración cos 38 centros educativos da provincia de Ourense que imparten ESO, Bacharelato e FP, entregou máis de 600 ordenadores ao alumnado de familias con menos recursos. Esta medida adoptouna a Administración autonómica co obxectivo de garantir o seguimento en liña da actividade educativa a todos aqueles alumnos que non dispoñen de posiblidades de conexión.

Este equipamento constitúe a suma dos ordenadores con conectividade enviados pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) xunto cos equipos que tiñan os propios centros educativos e que se puxeron a disposición do alumnado que o precisase.

As familias reciben os equipos como préstamo persoal para facilitarlles aos seus fillos o seguimento virtual da actividade educativa, mentres dure a suspensión das clases presenciais.

A dotación deste equipamento forma parte do paquete de medidas que puxo en marcha a Xunta co fin de garantir e facilitar o seguimento en liña da actividade educativa. Entre as últimas actuacións está a posta a disposición dos docentes dunha plataforma de videoconferencia que permitiu na primeira quincena activa máis de 52.000 reunións virtuais, nas que participaron 170.000 docentes e alumnos.

Estes recursos tecnolóxicos súmanse aos ordenadores e libros dixitais que ofrece durante todo o curso a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional ao alumnado dos centros ourensáns que participan nos programas dixitais Abalar e E-Dixgal.

Acordo coa Fegamp

Ademais, a Xunta de Galicia, -a través da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)-, a FEGAMP e os concellos de Galicia que o consideren, establecerán unha liña de colaboración para a mellora da conectividade e a dotación de recursos tecnolóxicos ao alumnado do ensino non universitario. O obxectivo deste principio de acordo é aproveitar as sinerxías, evitar solapamentos entre administracións e acadar a máxima cobertura do servizo no ámbito da atención educativa.

No acordo establécese que, por razóns de competencia, o Goberno galego atenderá con prioridade ao alumnado de ESO, Bacharelato e FP, de acordo cos criterios de promoción e titulación. Pola súa banda, os concellos interesados en colaborar no préstamo e reparto de equipamento e conectividade de propiedade municipal daralle prioridade ao alumnado das etapas de Infantil e Primaria, de acordo coa Lei Orgánica de Educación e da normativa en materia de Réxime Local.