A Xunta remata as obras de mellora do sistema de saneamento da parroquia de Trasariz, no concello de Cenlle

A intervención centrouse na execución dun novo colector de augas residuais para acadar o correcto funcionamento das instalacións e contou cun investimento autonómico duns 33.000 euros

Santiago de Compostela, 1 de maio de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de rematar as obras de mellora do sistema de saneamento da parroquia de Trasariz, no concello de Cenlle.

Esta actuación, cun investimento autonómico de preto de 33.000 euros, centrouse na construción dun novo colector de augas residuais, para substituír a deteriorada infraestrutura existente, que impedía o seu correcto funcionamento.

A intervención executada permitiu a restauración ambiental na zona final do colector existente, na contorna do sistema de depuración.

Entre os traballos realizados, destacan a construción dun marco para permitir o desaugue das augas pluviais e a instalación dun pequeno embarcadoiro no lugar que tradicionalmente foi utilizado para o uso de embarcacións fluviais.

Con estas obras, a Xunta de Galicia continúa a colaborar cos concellos galegos para resolver carencias en materia de infraestruturas hidráulicas e proporcionar uns sistemas de saneamento e abastecemento axeitados ás necesidades reais dos cidadáns.