Balseiro destaca o “extraordinario labor” que está a facer o persoal de Axuda no Fogar durante esta crise sanitaria

O delegado territorial sinalou que na provincia de Lugo 2.400 traballadores atenden a máis de 4.000 persoas maiores ou en situación de dependencia

A Xunta destina 16,5 millóns de euros anuais a este servizo, que intensificou nas últimas semanas con 113.000 horas adicionais de atención para poder chegar a máis usuarios
 

Lugo, 30 de abril de 2020

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, quixo poñer de manifesto “o extraordinario labor que ao longo de todo o ano, pero especialmente tras a chegada da pandemia, realiza o persoal do Servizo de Axuda no Fogar na atención e coidado das persoas maiores ou en situación de dependencia”.

Balseiro mantivo unha xuntanza por videoconferencia con traballadoras do SAF dos concellos do Vicedo, O Saviñao, As Nogais, Castro de Rei e Friol, “que representan aos máis de 2.400 profesionais que na provincia atenden a 4.100 persoas, para as que chegan a ser piares fundamentais do seu benestar”.

O delegado expresou o seu recoñecemento ás traballadoras do SAF. “Creo que recollo o sentir de toda a sociedade lucense cando no seu nome, o no da Xunta, fago chegar a este colectivo o noso sincero agradecemento pola atención e coidado que están prestando ás persoas que máis apoio necesitan, moitas das cales pasarían o confinamento en completa soidade se non fora por eles”, afirmou.

A Consellería de Política Social destina cada ano 16,5 millóns de euros a financiar este servizo na provincia, asumindo o 80% do custo. Nas últimas semanas sumou 113.000 horas adicionais de prestación nos municipios lucenses para poder chegar a máis usuarios que o puideran necesitar excepcionalmente durante a vixencia do estado de alarma. Neste caso, a Xunta asume a parte do custo que lle correspondía ao usuario, polo que é gratuíto para as familias beneficiarias. Esta medida supón un investimento extraordinario de 6 millóns de euros no conxunto da comunidade.

Balseiro tamén lembrou que a o Goberno galego está achegando aos concellos material de protección -máscaras, guantes ou xel desinfectante, entre outro- para que os usen os traballadores que seguen prestando servizos básicos no municipio, entre eles os de Axuda no Fogar.
 

Imaxes relacionadas