A mellora integral da PO-308 que a Xunta está a acometer no Concello de Poio permitiu habilitar un novo acceso a Raxó para vehículos e reservar a vía antiga para os peóns

Continúa pendente aínda a execución por parte do Concello de Poio da nova vía desde Raxó, para a que a Xunta xa realizou as expropiacións

A Consellería de Infraestruturas lamenta a falta absoluta de colaboración do Concello en todo o proceso de mellora da estrada principal do municipio, que está a supor un antes e un despois na seguridade viaria

As obras que está a impulsar o Goberno galego na PO-308 neste municipio, cun investimento de máis de 7 millóns de euros, non só supoñen mellorar o tránsito ao longo da estrada, senón tamén o acondicionamento das interseccións

No día de hoxe, a Xunta puxo en servizo un novo semáforo con pulsador en Chancelas, como actuación complementaria ao proxecto de seguridade viaria que se desenvolverá nese entorno

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2020

A mellora integral que a Xunta está a acometer na estrada PO-308 ao seu paso polo concello de Poio permitiu habilitar un novo acceso ao núcleo de Raxó para os vehículos, quedando reservada a antiga vía municipal para o uso exclusivo e seguro por parte dos peóns.
Actualmente continúa pendente de execución por parte do Concello de Poio a nova vía municipal de acceso desde Raxó, que foi facilitada a través das obras da Xunta, que tamén realizou as expropiacións.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade lamenta a absoluta falta de colaboración do Concello en todo o proceso de mellora da estrada principal do municipio, que está a supor un antes e un despois na súa seguridade viaria.
As obras que está a impulsar o Goberno galego na PO-308 en Poio, cun investimento de máis de 7 millóns de euros, non só supoñen mellorar o tránsito ao longo da estrada, senón tamén o acondicionamento das interseccións.

No día de hoxe, a Xunta puxo en servizo un novo semáforo con pulsador en Chancelas, como actuación complementaria ao proxecto de seguridade viaria que se desenvolverá nese entorno, e que se sumarán ás xa practicamente finalizadas entre O Covelo e Raxó.

O Goberno galego está a cumprir os seus compromisos cos veciños de Poio, acometendo o acondicionamento integral da estrada, o que contrasta coa falta de implicación do Concello na resolución dos problemas viarios do municipio, derivados, principalmente, da carencia dun instrumento urbanístico actualizado que permita ordear e planificar a súa estrutura territorial e mobilidade.