Os ingresos tributarios da Comunidade Autónoma medraron un 1% en 2019 pese ao descenso no IVE polo impago do Goberno

Os ingresos tributarios da Administración autonómica situáronse en 6.076 millóns

Nos principais impostos, o maior incremento rexistrouse no IRPF (un 8,8%) grazas á evolución positiva do mercado laboral e dos salarios

Dous impostos estatais (IRPF e IVE) concentran máis do 70% do ingreso tributario

O principal descenso nos ingresos tributarios produciuse no Imposto sobre Sucesións e Doazóns, que baixa un 34%

O IGE publica hoxe a Explotación estatística da información tributaria de 2019
 

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2020

Os ingresos tributarios da Comunidade Autónoma no exercicio 2019 situáronse en 6.076 millóns de euros, segundo reflicte a ‘Explotación estatística da información tributaria’ publicada hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Isto supón un incremento do 1% respecto ao 2018, pese ao descenso no ingreso do Imposto sobre Valor Engadido (IVE) polo impago de 204 millóns que aínda mantén o Goberno central.

En concreto, o capítulo de impostos directos aumentou un 4,9% ata chegar aos 2.486 millóns, mentres que o capítulo de impostos indirectos reduciuse un 1,7% e situouse nos 3.401 millóns. Finalmente, o capítulo de taxas e outros ingresos mantívose estable –medrou un 1%- e ascendeu a 189 millóns. Na liña de anos anteriores, dous impostos estatais (IRPF e IVE) concentran máis do 70% do ingreso tributario de Galicia.

En canto á evolución dos principais impostos, o maior incremento rexistrouse no IRPF –cun crecemento do 8,8%- grazas á evolución positiva que tiveron o mercado laboral e os salarios durante o pasado ano. De feito, o IRPF foi en 2019 o tributo que realizou maior achega á Comunidade Autónoma, un total de 2.249 millóns de euros, mentres que en 2018 fora o IVE.

Pola contra, o IVE rexistrou en 2019 un descenso do 3,6% e reduciu o seu ingreso ata os 2.043 millóns de euros. Pese ao incremento do consumo rexistrado o pasado exercicio, este imposto tivo unha evolución negativa polo impago da mensualidade do ano 2017 que o Goberno central aínda non aboou ás comunidades autónomas, e que no caso de Galicia representa unha débeda de 204 millóns de euros.

Baixada do Imposto sobre Sucesións


En termos porcentuais, o maior descenso nos principais tributos que ingresa a Comunidade Autónoma produciuse no Imposto sobre Sucesións e Doazóns, que baixou un 34% polo pleno efecto da rebaixa fiscal aprobada pola Xunta de Galicia e unha vez que en 2018 rematou o efecto do plan especial da loita contra a fraude iniciado en 2017. En contraste, o ingreso do Imposto sobre Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados medrou un 7,8% por mor da evolución positiva do mercado inmobiliario o pasado ano.
 

Imaxes relacionadas