A Xunta remata as obras de instalación dun novo paso de peóns na PO-308 en Chancelas para mellorar a seguridade viaria

A obra supuxo a instalación dun semáforo con pulsador detrás da parada de autobús para que os cruzamentos se fagan con seguridade

Trátase dunha actuación complementaria ás proxectadas para a mellora da seguridade viaria entre Combarro, Chancelas e Samieira e que contou cun orzamento de 38.000 euros

Pontevedra, 30 de abril de 2020

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, anunciou hoxe a conclusión dos traballos de instalación dun novo paso de peóns con semáforo na estrada autonómica PO-308 en Chancelas, no termo municipal de Poio.

Estas actuacións, executadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade contaron cun importe de case 38.000 euros e tiveron como obxectivo “dar resposta a unha demanda dos veciños desta zona, que solicitaron medidas que lles faciliten os cruzamentos en condicións de seguridade”, explicou Tourís.

Neste sentido, segundo matizou o delegado territorial, a Axencia Galega de Infraestruturas avaliou varias alternativas e determinaron acometer a que permite garantir en mellores condicións a seguridade dos usuarios.

Trátase da instalación dun semáforo con pulsador detrás da parada de autobús para que os cruzamentos se fagan con seguridade e na habilitación dun pequeno refuxio para situar o semáforo e para a espera dos cidadáns.

Esta actuación complementarase posteriormente coas obras de mellora de seguridade viaria recollidas no proxecto de senda entre Combarro, Chancelas e Samieira.

A Xunta está a promover unha renovación integral da estrada PO-308 nos concellos de Poio e Sanxenxo co fin de reforzar de forma substancial a súa seguridade viaria.

Imaxes relacionadas