A Xunta fai hoxe entrega de mel, queixos e patacas ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña

Esta cesión súmase ás numerosas doazóns que está a realizar o Goberno galego a diversos hospitais da comunidade, entidades e comedores sociais e ao Banco de Alimentos de Lugo

Os alimentos son adquiridos a través da canle de comercialización Mercaproximidade, co fin de contribuír a garantir a supervivencia das explotacións de pequenos agricultores e gandeiros galegos

Dende o pasado 15 de abril, máis de 370 industrias e produtores están adheridos a esta nova rede de distribución, na cal xa están incluídas as cadeas Gadis, Froiz, Vegalsa-Eroski, Carrefour, El Corte Inglés, Grupo Cuevas, Lidl, Alcampo, Coviran e DIA
 

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2020

A Consellería do Medio Rural fixo hoxe entrega de varios quilos de mel, queixos e patacas ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), unha cesión de alimentos que se suma ás numerosas doazóns que leva realizado o Goberno galego nestes tempos de emerxencia sanitaria.

Ademais, no día de hoxe, tamén se lles entregou diversos produtos agroalimentarios aos hospitais de Lucus Augusti, ao de Monforte de Lemos e ao da Mariña, así como á sede de Cáritas e o Banco de Alimentos en Lugo, para atender os colectivos máis desfavorecidos durante o estado de alarma. Unha doazón que se estenderá tamén nos vindeiros días aos centros hospitalarios de Santiago, Ourense e Ferrol.

Deste xeito, os alimentos son adquiridos a través da nova canle de comercialización impulsada pola Xunta, Mercaproximidade, co fin de axudar aos pequenos agricultores e gandeiros galegos a dar saída aos seus excedentes. Desta forma, tamén se consegue minimizar a perda de ingresos destes profesionais ao estar pechadas as súas canles habituais de venda, centradas na restauración, hostalaría e mercados tradicionais de proximidade.

Cabe recordar que nas últimas semanas, a Xunta mercou numerosos produtos agropecuarios para cederlle a diversas entidades e comedores sociais da nosa comunidade. Tamén subministrou 100 toneladas de patacas ao Banco de Alimentos de Lugo para que as puidera repartir a través das sedes de Cáritas de toda España. A esta cantidade de tubérculo súmanselle outras 30 toneladas que cedeu de forma voluntaria un produtor da Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal).

Dende a posta en marcha desta nova fórmula de venda o pasado día 15 de abril, máis de 370 industrias transformadoras e produtores agropecuarios adheríronse a Mercaproximidade, para dar saída aos seus produtos. Ademais, tamén colaboran un total de dez cadeas: Gadis, Froiz, Vegalsa-Eroski -cos seus establecementos Eroski e Familia-, El Corte Inglés -cos establecementos Hipercor e Supercor-, Carrefour -cos seus centros Carrefour e Carrefour Market-, Grupo Cuevas -cos seus supermercados Plenus, Aquié e Aquí-, Lidl, Alcampo, Coviran e DIA.

Non obstante, esta iniciativa permanece aberta a todas aquelas cadeas, empresas de subministración de colectividades e plataformas online que desexen sumarse, co obxecto de axudar aos agricultores e gandeiros galegos durante a emerxencia sanitaria.


 

Imaxes relacionadas