A Xunta define co sector cultural medidas para paliar os efectos da crise e garantir o emprego e o tecido empresarial

Os conselleiros de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e Cultura e Turismo, Román Rodríguez, reuníronse con membros das industrias culturais para analizar a situación actual e traballar no escenario posterior ao coronavirus

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e o de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantiveron hoxe unha videoconferencia con membros das industrias culturais para avaliar as necesidades económicas do sector como consecuencia da crise sanitaria do coronavirus e definir posibles medidas para paliar os seus efectos. Trátase dun encontro ao que tamén asistiron o director do Igape, Juan Cividanes; o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, e o director da Agadic, Jacobo Sutil, e que está enmarcado na rolda de contactos posta en marcha pola Xunta de Galicia para avanzar de xeito conxunto no deseño de actuacións, coñecendo de primeira man as súas achegas.

No transcurso desta xuntanza avaliáronse as principais demandas dos sectores audiovisual, musical, de festivais e do libro derivados dos efectos desta crise no emprego e no mantemento do tecido empresarial tendo en conta a desescalada e o escenario posterior ao estado de alarma. Así, abordáronse iniciativas centradas na financiamentona inxección de liquidez ou nos expedientes de regulación de emprego temporais.

Plan de reactivación

Neste marco, o titular de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, explicou que o Goberno autonómico ultima un Plan de Reactivación para os sectores cultural e turístico que conta cunha dotación de 25 millóns de euros e que permitirá impulsar a recuperación económica e a reactivación, fomentando o emprego e mantendo o tecido empresarial. No caso concreto da cultura, tal e como precisou Román Rodríguez, a finalidade desta folla de ruta é favorecer o consumo de produtos culturais ao tempo que se incentiva ao mantemento da industria cultural galega e se impulsan medidas de fomento da creatividade e da produción cultural.

Unha das liñas estratéxicas deste plan pasa pola reorientación do Xacobeo 2021 como ferramenta de estímulo da actividade económica e do consumo co obxectivo de impulsar as industrias culturais e turísticas da nosa Comunidade. Neste contexto, Román Rodríguez lembrou que o Goberno galego xa lle solicitou ao Executivo central a extensión das desgravacións fiscais ata o ano 2022, unha medida que permitiría estimular as achegas privadas e captar máis recursos para o desenvolvemento de proxectos.

Liña de financiamento

Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, lembrou que o sector ten á súa disposición a liña de financiamento de 250 millóns de euros para achegar liquidez a pemes e autónomos, con préstamos de ata 200.000 euros que lles permitan facer fronte aos seus gastos e ás súas obrigas fiscais, e facéndose a Administración autonómica cargo dos xuros.

Ademais, os traballadores afectados por expedientes de regulación temporal de emprego (Ertes) que aínda non cobraran as súas prestacións do Goberno central poden solicitar á Xunta os anticipos das mesmas. Mediante un convenio acordado coas entidades financeiras, poderán recibir de forma inmediata 1.500 euros, cun tope mensual de 750 euros.

Imaxes relacionadas