MeteoGalicia conclúe que durante o estado de alarma a actividade acústica en Galicia diminuíu entre un 60 e un 70%

Con motivo do Día Internacional da Concienciación sobre o ruído, que se celebra hoxe, o organismo meteorolóxico galego fai público o seu quinto Informe de Ruído Ambiental de 2019 e un avance dos primeiros resultados sobre contaminación acústica no que levamos de estado de alarma

En termos xerais, o ano pasado os valores das nove estacións representativas experimentaron unha mellora lixeira respecto aos datos históricos

O tráfico rodado e os eventos de ocio seguen a ser os principais axentes de contaminación acústica presentes na comunidade

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2020

Os datos rexistrados nas últimas semanas pola Rede galega de estacións con sonómetros revelan que o confinamento da poboación e as restricións impostas polo COVID-19 está a ter un impacto directo e moi significativo no ruído ambiental que soporta habitualmente a comunidade. Así, MeteoGalicia conclúe que a partir dos datos obtidos no que levamos de estado de alarma, pódese avanzar que a actividade e o impacto acústico en Galicia experimentou unha diminución de entre o 60% e o 70%.

O organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda fixo público hoxe este avance do comportamento do ruído ambiental e a contaminación acústica durante o estado de alarma coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Concienciación sobre o ruído, unha efeméride que se celebra o último mércores de abril desde hai máis de 20 anos. Segundo os datos preliminares recabados por MeteoGalicia, o impacto a nivel acústico durante as dúas primeiras quincenas de confinamento foi moi similar, cunha diminución media dos niveis de ruído de entre 4 e 5 decibelios

Así mesmo, o organismo público tamén deu a coñecer o seu Informe de Ruído Ambiental -o oitavo que elabora ata o momento e o quinto de carácter obrigatorio- e que no ano 2019 constata, en termos xerais, unha lixeira mellora dos datos obtidos na comunidade con respecto aos valores históricos.

Entre as principais conclusións, cómpre subliñar que, ao igual que en anos anteriores, o tráfico e os eventos de ocio seguen a ser os principais axentes de contaminación acústica da comunidade. Neste sentido, o informe fai fincapé en que unha actividade de ocio aínda que sexa puntual, ten unha gran repercusión sobre os valores de ruído anuais, sendo un factor que dispara os índices de ruído no lugar no que se desenvolve, especialmente porque acontecen en horario nocturno. A modo de exemplo, se se comparan os valores acadados por un temporal e os dun evento de ocio nunha zona residencial, os resultados son claramente superiores no segundo caso en canto aos valores equivalentes.

Un ano máis para a análise de fenómenos naturais (fundamentalmente temporais) tómase como referencia a estación do Campus Universitario de Santiago, dado que as zonas de protección son as máis afectadas por adversos meteorolóxicos. Ao respecto, en 2019 tiveron lugar fenómenos con valores tan extremos como os de anos anteriores e cun considerable impacto acústico.

Galicia, pioneira

Galicia foi no seu momento unha das comunidades españolas pioneiras na regulación da contaminación acústica. De feito, hoxe en día conta cunha Rede de Ruído integrada por nove estacións con sonómetro, representativas todas elas dunha cidade tipo galega. Concretamente, estas instalacións localízanse en: Avenida Fingoi (Lugo); Campolongo (Pontevedra); Campus universitario e San Caetano (ambas en Santiago); Coia e Lope (en Vigo); Estación de autobuses (Ourense); Parque Raíña Sofía (Ferrol); e Riazor (A Coruña).

Para a análise de ruído ambiental tómase unha equivalencia aproximada entre as estacións e posibles zonas acústicas xenéricas, en función do emprazamento no que se localizan e atendendo ás súas características acústicas. Así, pode facerse a seguinte clasificación orientativa: zonas de alta densidade de tráfico, que se corresponderían coas estacións de Ourense e da Coruña; zonas residenciais, que serían as de Lugo e a estación viguesa localizada en Coia; zonas verdes, Campolongo (Pontevedra), Parque Raíña Sofía (Ferrol) e San Caetano (Santiago); e zona de protección especial por uso docente e cultural, Campus (Santiago).

Cómpre lembrar que o ruído ambiental vén determinado polos índices de nivel de presión sonora que se definen segundo o período do día e por niveis estatísticos. Distínguese así entre o índice de ruído diúrno, que representa o nivel equivalente desde as 7 da mañá ás 7 da tarde; o índice de ruído tarde, entre as 7 da tarde e as 11 da noite; o índice de ruído noite, entre as 11 da noite e as 7 da mañá do día seguinte; o ruído transitorio da actividade, que representa o percentil 90 de todos os datos da serie analizada; o ruído de fondo da actividade, que representa o percentil 10 de todos os datos; e a mediana de valores de ruído, é dicir, o valor central de todos os datos dunha serie, que discrimina valores puntuais extremos.

Alteración ambiental con gran impacto social

A contaminación acústica é unha das alteracións ambientais que máis preocupación social produce en termos de poboación afectada. Actualmente estímase que en Europa dúas de cada tres persoas están sometidas a niveis de ruído molestos. Isto repercute na súa calidade de vida, chegando a provocar diversos trastornos -principalmente de tipo cognitivo nas persoas de menor idade por alteración do sono, ou de tipo arterial no caso dos adultos- e os seus efectos representan un gasto socioeconómico inxente para as sociedades.

Imaxes relacionadas