A Xunta comparte coas cidades galegas solucións conxuntas para impulsar o sector do turismo urbano tras a crise sanitaria

A directora de Turismo, Nava Castro, reuniuse hoxe por videoconferencia coas concelleiras e os equipos técnicos de turismo das sete grandes urbes

Coincidiron na necesidade de coordinación entre administracións na implementación de medidas hixiénico-sanitarios e na colaboración na desescalada

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2020

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, reuniuse hoxe coas concelleiras e os equipos técnicos de turismo das sete cidades galegas para abordar os efectos nestes destinos da crise sanitaria do coronavirus e as posibles solucións conxuntas no proceso de desescalada e posterior volta á actividade.

Neste sentido falouse do plan de seguridade sanitaria, actualmente en desenvolvemento por un grupo de especialistas constituído pola Xunta e coa implicación da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que valorará a adaptación ás necesidades propias os protocolos comprometidos polo Goberno central.

A reunión permitiu afondar na importancia dos destinos urbanos no modelo turístico galego, e coincidiuse na necesidade de cooperación entre todas as administracións para contribuír á recuperación do sector turístico das cidades con propostas como a posibilidade de abrir vías de colaboración con outros destinos urbanos da España Verde.

A directora de Turismo explicou durante o encontro o traballo que se está a realizar desde a Consellería de Cultura e Turismo durante esta crise e expuxo ferramentas que o sector ten á súa disposición para mellorar a competitividade. Como explicou Nava Castro, estase a traballar para garantir a confianza en Galicia como un destino seguro e de calidade, o que se concretará nun Plan de Reactivación que o Goberno galego está a ultimar.
.
No eido do Camiño de Santiago, informou de que a Xunta xa solicitou ao Goberno central a necesidade de estender a 2022 as desgravacións fiscais vinculadas ao Xacobeo 2021, o que estimularía as achegas privadas, tendo moi en conta que a Ruta ten un gran impacto nas economías dos territorios polos que transcorren. Tamén está en marcha un grupo multidisciplinar de expertos para adaptar o Xacobeo 2021 ao escenario post Covid-19.

Esta reunión enmárcase nas accións que a Xunta está a manter nestas semanas co sector e coas diferentes administracións e axentes implicados para traballar no novo escenario turístico e elaborar os protocolos e medidas máis axeitados en cada escenario.

Imaxes relacionadas