A Xunta avalía cos museos a situación derivada do COVID-19 e as accións de futuro para a reapertura dos equipamentos

O conselleiro de Cultura e Turismo reuniuse con representantes dos principais museos galegos, institucións básicas na preservación e difusión da cultura

Galicia achegará as súas propostas para os protocolos de actuación que están a deseñar o ICTE e Goberno central con medidas de seguridade e hixiene

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2020

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañado polo director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, mantivo hoxe unha xuntanza por videoconferencia cos representantes dos principais museos de Galicia, no marco dos contactos que a Xunta está a manter con entidades e institucións culturais para avaliar o impacto no sector da crise sanitaria do COVID-19.

No encontro telemático estiveron representados o Museo da Catedral de Santiago de Compostela, o Museo do Pobo Galego, o Museo Nacional de Ciencia y Tecnología, o Museo Marco de Vigo, o Museo Provincial de Lugo, a Casa-Museo Rosalía de Castro e Afundación. Todas elas, institucións básicas na preservación e difusión da cultura e do turismo cultural.

Os asistentes abordaron diferentes asuntos que xiraron arredor da análise da situación actual tras máis de seis semanas de confinamento. Neste contexto, comentáronse as necesidades que se consideran precisas para poder realizar unha reapertura ordenada e coherente dos equipamentos culturais. A xuntanza contou, por invitación da Xunta, coa participación do Instituto para la Calidad Turística Española (ICTE), que está a traballar co Ministerio de Industria, Comercio y Turismo na elaboración de protocolos xerais de actuación que faciliten a implementación de medidas na desescalada destes espazos culturais.

Ao respecto, expresouse o compromiso de facer achegas desde Galicia a ese marco e distribuílo entre as institucións do país para enriquecelo. Como explicaron desde o ICTE, estes procedementos, que deberán contar co visto bo das autoridades sanitarias, incluirán especificacións técnicas para os museos que permitan unha reapertura e reincorporación gradual do persoal así como medidas de seguridade e hixiene para garantir o benestar tanto dos traballadores, como dos visitantes e residentes nas áreas destes equipamentos.

Tras a información sobre as fases de desescalada coñecida onte, a Xunta a os representantes dos museos coinciden en que haberá que coñecer cales serán as condicións de apertura cun terzo do aforo, xa que estes equipamentos non contan cun aforo determinado como os recintos con butacas ou as bibliotecas con puntos de lectura.

No marco deste encontro, cómpre lembrar que a Xunta ultima un plan de reactivación para os sectores cultural e turístico, dotado con máis de 25 millóns de euros e que ten como obxectivo minimizar o impacto extraordinario que a crise do COVID-19 está a causar.

Imaxes relacionadas