A Xunta entregou nun mes 253.000 unidades de protección aos concellos lucenses para facer fronte ao COVID-19

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explica que entre hoxe e mañá estanse a distribuír 35.000 novos elementos de seguridade, entre eles 16.500 guantes e 17.400 máscaras

Nesta ocasión envíanse aos municipios de máis de 1.500 habitantes

Lugo, 29 de abril de 2020

A Xunta de Galicia comezou hai máis dun mes a realizar entregas de material de protección contra o coronavirus aos concellos da provincia de Lugo e completa entre hoxe e mañá un novo envío que eleva a suma de unidades distribuídas a 253.369. En concreto, dende a primeira achega do 24 de marzo, o Goberno galego remitiu 142.800 guantes, 102.000 máscaras, 6.220 traxes e batas, 219 pantallas faciais así como xel desinfectante e lixivia.

No que respecta aos elementos que se entregan nestes días, contabilízanse 35.000 unidades: 16.550 guantes, 17.350 máscaras cirúrxicas e 115 máscaras FFP2, 157 botes de xel desinfectante de medio litro e 51 garrafas de cinco litros, 335 traxes, 219 pantallas faciais e 219 batas.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que nesta ocasión as achegas están destinadas aos concellos de máis de 1.500 habitantes pero o Goberno galego está a beneficiar a todos os municipios con estes subministros periódicos.

O material está sendo destinado principalmente para uso dos servizos sociais e de emerxencias, como o Servizo de Axuda no Fogar, Protección Civil ou Policía Local, e ao transporte público.

Con esta medida, Goberno galego pretende dotar do equipamento necesario ás entidades locais para que os traballadores dos servizos municipais que continúan desempeñando as súas funcións conten co material de protección que precisan.

Imaxes relacionadas