Conde avalía cos comerciantes de Monforte, Sarria e Chantada medidas para que o comercio de proximidade poida abrir ofrecendo a máxima confianza aos consumidores

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou nunha videoconferencia con representantes dos comerciantes das localidades lucenses a necesidade de protocolos claros a nivel estatal para a reactivación económica

A Xunta propón un modelo de apertura flexible e dinámico, que inclúe a apertura paulatina dos establecementos comerciais con limitacións de aforo ou cita previa

Estase a traballar co comercio de proximidade nun plan de reactivación económica do sector, que debe ofrecer confianza para impulsar a demanda, intensificar a transformación dixital e as medidas de prevención

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro por videoconferencia con representantes dos centros comerciais urbanos de Monforte de Lemos, Sarria e Chantada, cos que avaliou diferentes medidas para que o comercio de proximidade poida abrir de novo ao público ofrecendo a máxima confianza aos consumidores.

Na reunión, Conde lembrou que Galicia solicita protocolos claros de actuación a nivel estatal, e defende un modelo de reactivación baseado no mando único e cunha aplicación de acordo ás especificidades dos distintos territorios. Así, desde a Xunta proponse un modelo de apertura flexible e dinámico, baseándose en tres eixes: xeográfico, demográfico e de sectores económicos.

Entre as propostas trasladadas polo Goberno autonómico no ámbito comercial tamén se encontran a apertura da actividade en talleres e concesionarios; a apertura paulatina doutros establecementos comerciais, coas limitacións de aforo ou de cita previa; así como a venda de produtos agrícolas e gandeiros nos mercados municipais ao aire libre.

Traballo coordinado

A Xunta está a traballar da man do sector comercial para poñer en marcha un plan de reactivación económica neste ámbito, co obxectivo primordial de incentivar que o consumidor acuda ao comercio de proximidade, con xestos e medidas que infundan confianza e impulsen de novo a demanda.

Ao mesmo tempo, búscase que o sector intensifique a súa transformación dixital para, entre outros aspectos, que os negocios teñan a opción de ofrecer os seus servizos e produtos a través de internet e dispoñan de novas canles de venda. Ademais, no marco do novo plan, tamén se traballará en medidas de prevención de cara á reapertura, para garantir ao consumidor e aos traballadores do comercio unhas condicións de seguridade sanitaria.

A Administración autonómica xa activou medidas das que se está a beneficiar o comercio de proximidade, como a liña de financiamento de ata 250 millóns de euros para achegar liquidez a pemes e autónomos, con préstamos de ata 200.000 euros que lles permitan facer fronte aos seus gastos e ás súas obrigas fiscais, e facéndose a Administración autonómica cargo dos xuros. Xunto con isto, aprobáronse outras medidas como aprazar o pagamento de impostos autonómicos ou as cotas dos préstamos outorgados pola Xunta, para aliviar as cargas que, neste momento, afrontan moitos negocios que non están a xerar ingresos.

Imaxes relacionadas