Ethel Vázquez analizou hoxe co presidente da Federación Galega da Construción, Diego Vázquez Reino, e representantes das asociacións provincias a evolución das obras públicas e as medidas de prevención da saúde adoptadas por mor do COVID-19

A Consellería de Infraestruturas activa novos contratos de obra pública por importe de máis de 120 millóns de euros que crearán arredor de 1.000 postos de traballo

O departamento autonómico reiniciou nas últimas semanas máis de 70 obras cun investimento de 224 millóns de euros, que supoñen 2.000 empregos anuais

As obras reactivadas son de interese público, esenciais para a saúde, como as do Hospital da Costa e o de Ferrol ou a decena de centros de saúde retomados

Outros proxectos reanudados garanten a calidade das augas, como o saneamento da Malata, en Ferrol; a loxística, como o acceso aos polígonos de San Cibrao e de Morás; ou a competitividade e a atracción turística, como as estacións intermodais

A Xunta, considerando especialmente os autónomos e as pequenas empresas, tamén adxudicou máis de 30 contratos de servizos e obras menores que superan os 700.000 euros de investimento

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade activa novos contratos de obra pública por importe de máis de 120 millóns de euros que crearán arredor de 1.000 postos de traballo.
A titular deste departamento autonómico, Ethel Vázquez, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, trasladoulles hoxe esta información ao presidente da Federación Galega da Construción, Diego Vázquez Reino, e a representantes das asociacións provincias e da Cámara de Contratistas de Galicia.
Neste encontro, por videoconferencia, abordáronse a evolución das obras públicas promovidas pola Xunta e as medidas de prevención da saúde adoptadas con motivo do COVID-19. Así, constatouse que nos traballos, que se desenvolven ao aire libre, maioritariamente, se están a seguir as recomendacións para evitar contaxios.
O Goberno galego puxo á disposición dos profesionais da construción unha guía de recomendacións de seguridade específicas para as obras elaborada polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral. Tamén se habilitou unha canle para a adquisición de material de protección, máscaras e guantes, a prezo de custo.
Ethel Vázquez subliñou que a Xunta, pensando no futuro das preto de 80.000 persoas que traballan no sector da construción en Galicia, reiniciou as obras en execución e activou a tramitación doutras pendentes, que levaban semanas paradas polo estado de alarma.
Concretou que nas últimas semanas desde a Consellería de Infraestruturas se reactivaron máis de 70 obras cun investimento de 224 millóns de euros, que supoñen a creación e mantemento de 2.000 empregos ao ano.
Salientou que se trata de intervencións de interese público, esenciais para a saúde, como as actuacións no Hospital da Costa e no de Ferrol ou a decena de centros de saúde reactivados.
Engadiu que outros proxectos retomados garanten a calidade das augas, como o saneamento da Malata, en Ferrol; a loxística, como o acceso aos polígonos de San Cibrao e de Morás; e a competitividade e atracción turística, como as estacións intermodais.
Subliñou que a Xunta, pensando especialmente nos autónomos e nas pequenas empresas, tamén adxudicou máis de 30 contratos de servizos e obras menores que superan os 700.000 euros de investimento.

Imaxes relacionadas