A Xunta adxudica a construción dunha senda peonil na estrada autonómica PO-402, ao seu paso polo núcleo de Leirado, no concello de Salvaterra de Miño

Esta intervención, cun orzamento de máide 48.000 euros, comezará nas vindeiras semanas e terá un prazo de execución duns tres meses

A actuación favorecerá o tránsito seguro dos veciños nos seus desprazamentos a pé cara ao centro social e á igrexa de San Roque

O novo itinerario terá uns 2 metros de ancho e permitirá conectar os treitos de beirarrúas existentes a ambas marxes da estrada

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de construción dunha senda peonil na estada autonómica PO-402, ao seu paso polo núcleo de Leirado, no concello de Salvaterra.

Esta actuación foi adxudicada á empresa Excavaciones y Construcciones Manuel Portela SL., por un importe de máis de 48.000 euros. As obras comezarán nas vindeiras semanas e teñen un prazo de execución de tres meses.

Executarase un itinerario para tránsito peonil seguro no treito desta estrada, entre os puntos quilométricos 5+240 e 5+720, co obxectivo de dar servizo aos veciños nos seus desprazamentos ao centro social e á Igrexa de San Roque.

A nova senda peonil conectará os treitos de beirarrúas existentes e discorrerá pola marxe dereita da PO-402, entre os puntos quilométricos 5+240 e 5+370, e pola marxe esquerda, entre os puntos 5+390 e 5+720.

Construirase unha senda duns 2 metros de ancho con pavimento de formigón con cor e nos puntos onde sexa necesario executarase un muro de contención de terra de altura media de 1 metro.

No contrato desta obra inclúese a drenaxe da vía, que se resolverá cun novo colector de pluviais, cos seus correspondentes pozos de rexistro e sumidoiros.