A Xunta reabre o prazo de presentación de ofertas para a execución da ampliación do abastecemento de auga de Mesía

Reactívase o procedemento de licitación deste contrato, cun investimento de máis de 576.000 euros, suspendido inicialmente coa declaración do estado de alarma

As empresas interesadas nesta actuación, cun prazo de execución de oito meses, poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 7 de maio

A intervención permitirá dotar de abastecemento á zona Oeste do municipio e á parroquia de San Cristovo, ademais de parte das parroquias de Visantoña e Olas
 

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de reabrir o prazo de presentación de ofertas para executar a primeira fase de ampliación da rede de distribución de auga no concello de Mesía, cun investimento autonómico de máis de 576.000 euros.

A Xunta reabriu hoxe o prazo de presentación de ofertas para realizar esta actuación, xa licitada, pero afectada inicialmente pola suspensión de prazos nos procedementos administrativos coa declaración do estado de alarma.

A reactivación do procedemento, que recolle xa a plataforma de contratos públicos da Xunta, establece que as empresas interesadas na execución deste proxecto poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 7 de maio. O prazo de execución dos traballos é de 8 meses.

O organismo hidráulico da Xunta asume o financiamento deste proxecto presentado polo Concello de Mesía, que ten como obxectivo completar a rede de abastecemento no municipio. A actuación permitirá dar servizo a un total de 1.224 habitantes equivalentes para o ano horizonte 2042.

Trátase de dotar de abastecemento á zona Oeste do municipio, que nestas primeira fase permitirá dotar deste servizo á parroquia de San Cristovo, así coma a unha parte das parroquias de Visantoña e Olas. Na actualidade a parte Este do concello xa dispón de abastecemento.

Na intervención proxéctase a execución dunha rede de subministro que comeza coa execución do novo ramal principal dende o anel existente que se dirixe ata Visantoña e chega ata a estrada AC-223. De aí partirá a canalización principal e varios ramais.
A actuación continuará no tramo Visantoña, onde se executará pola marxe da estrada AC-223, e dará servizo á parroquia de Visantoña e arredores. Os traballos seguirán coa execución da nova canalización dende o anel existente na cita estrada autonómica ata San Cristovo e Feás, que inclúen a canalización de Mesía e conexión rede existente, así como os ramais de Feás. As obras se completan coa execución do ramal a Olas, dando servizo a Visantoña e arredores.