A Xunta reactivou nas últimas semanas a construción de infraestruturas sanitarias que supoñen un investimento público de máis de 90 millóns de euros

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade destaca a autorización polo Consello da Xunta da semana pasada da licitación do inicio da construción do hospital público Gran Montecelo, en Pontevedra, con 115 millóns de euros

O Goberno galego retomou a mediados de mes as obras en centros de saúde como o da Estrada, Milladoiro, Narón, Bouzas, Pereiro de Aguiar, Melide, Salceda de Caselas, Paderne de Allariz ou o do Barrio da Residencia, en Lugo

O Executivo autonómico tamén reactivou as actuacións de reforma e ampliación dos hospitais da Costa, en Burela, e de Ferrol

Ethel Vázquez subliña que a Xunta continúa coa aposta pola sanidade pública, mellorando ou construíndo novas infraestruturas sanitarias
 

Santiago, 27 de abril de 2020

A Xunta reactivou nas últimas semanas infraestruturas sanitarias que supoñen un investimento de máis de 90 millóns de euros e autorizou a licitación da primeira fase da construción do hospital público Gran Montecelo, en Pontevedra, por 115 millóns.

Así o destacou hoxe a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, que mantivo unha videoconferencia co equipo responsable das obras do novo centro de saúde da Estrada, que estará ao servizo dos veciños en verán, tras o investimento de 4,6 millóns de euros.

O da Estrada é un dos centros de saúde cuxa construción retomou recentemente o Goberno galego, unha vez levantado a mediados de mes o cese xeral de actividades non esenciais por mor do COVID-19. En total, retomáronse as obras nunha decena de centros de saúde, como o do Milladoiro (Ames), Narón, Bouzas (Vigo), O Pereiro de Aguiar, Melide, Salceda de Caselas, Paderne de Allariz ou o do Barrio da Residencia, en Lugo.

Á execución destes centros de saúde tamén cómpre engadir a reactivación dos traballos de reforma e a ampliación dos hospitais da Costa, en Burela, e do de Ferrol.

A prioridade do Goberno galego neste reinicio das obras públicas é garantir que as actuacións se realizan coas medidas necesarias de protección da saúde para evitar os contaxios dos traballadores.

Neste sentido, o Executivo autonómico puxo á disposición dos profesionais da construción instrucións de prevención específicas para o sector e habilitou unha canle para a adquisición de material de protección a prezo de custo.

Ethel Vázquez subliña que a Xunta continúa así coa aposta pola sanidade pública galega, mellorando ou construíndo novas infraestruturas sanitarias sempre importantes, pero esenciais ante situacións de emerxencia como a actual.

Novo centro de saúde da Estrada

Na xuntanza de hoxe cos responsables das obras do centro de saúde da Estada participaron, ademais da conselleira, o alcalde do municipio, José López Campos, o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.

Durante o encontro, concretouse que as obras progresan a bo ritmo e xa acadan o 75 % da súa execución tota, co obxectivo de entrar en servizo en verán. Trátase dun novo centro de saúde, sobre unha parcela de máis de 4.000 m² cedida polo Concello, que contará con 3 andares, ademais de soto, cuxo acceso principal se realizará a través dunha praza exterior. Tamén disporá dun acceso de ambulancias baixo teito.

O edificio albergará consultas de medicina xeral, de enfermería, matrona, área pediátrica, zona de urxencias, sala de toma de mostras, de radioloxía e ecografía, entre outros servizos.Este novo centro de saúde atenderá unha poboación con case 21.000 tarxetas sanitarias, das que 2.300 corresponden a atención pediátrica.

Ethel Vázquez salientou que darlle continuidade a este proxecto supón manter activo investimento público da Xunta na Estrada e, desa forma, garantir os 30 postos de traballo directos que están asociados á execución desta actuación.