A Xunta renova a colaboración coa Federación Galega de Caza para difundir os valores medioambientais asociados á actividade cinexética

A conselleira de Medio Ambiente e o presidente da Federación Galega de Caza mantiveron unha videoconferencia para asinar un convenio de colaboración coa entidade representativa dos cazadores galegos, que organizará xornadas e cursos orientados co fin de que coñezan a caza como un deporte seguro e sustentable, na súa xestión

A Consellería mantén un ano máis o acordo de cooperación coa entidade deportiva co obxectivo de avanzar na formación e fomento da actividade como unha das medidas protectoras do medio natural

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2020

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colaborará unha vez máis coa Federación Galega de Caza na organización de cursos e xornadas formativas para que coñezan esta actividade como un deporte seguro e sustentable, na súa xestión. Estas accións enmárcanse dentro dun convenio de colaboración que esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o presidente da entidade deportiva, Javier Nogueira Diz, que renovaron un ano máis, co fin de difundir e fomentar os valores medioambientais asociados á actividade cinexética tales como o respecto e o coidado do patrimonio natural.

A Consellería de Medio Ambiente traslada o seu apoio a esta entidade, xa que é a máis representativa dos cazadores galegos, pois organízase en base a catro federacións provinciais e intégrase co conxunto das federacións rexionais na Federación Española de Caza.

Así, mediante este acordo, o Goberno galego contribuirá á realización de actividades de divulgación, formación e de fomento da actividade cinexética. Nese sentido, destacan os cursos e xornadas dirixidas a cazadores e responsables das sociedades de caza, sobre temas de actualidade relacionadas coa actividade cinexética, a súa seguridade e a súa xestión. Estas serán impartidas por expertos nas diferentes materias e poderán ser presenciais ou on line.

A maiores, o convenio de colaboración contempla a reedición dunha campaña divulgativa sobre prevención dos sinistros, un curso formativo que achegará medidas de seguridade que se deben adoptar durante a práctica da actividade cinexética e na organización de batidas para evitar accidentes; ao igual que unha aproximación aos primeiros auxilios.

Cómpre lembrar que nas últimas semanas a Consellería mantivo un diálogo constante co sector cinexético para mantelo informado de todas as medidas e restricións en materia de caza que se aplicaron en todo o territorio a raíz da declaración do estado de alarma por mor do Covid-19.

A máis recente foi a decisión do Centro de Coordinación Operativa (Cecop) na súa reunión do pasado sábado de autorizar accións de caza de xeito excepcional naquelas zonas con maior risco de incidencia da fauna salvaxe, sobre todo do xabaril, como medida para evitar os posibles danos que poida provocar e primar así a seguridade das persoas e do tráfico viario, ademais de reducir o seu impacto nas extensións agrarias, no inicio da época de semente.

A Xunta adoptou esta decisión, despois de que que no último mes e medio o Ministerio de Política Territorial e o de Agricultura trasladaran instrucións contraditorias ao respecto e en consecuencia coa última instrución do Goberno na que deixaba en mans das comunidades as decisións sobre a mellor maneira de levar a cabo estas medidas de control e prevención das poboacións de xabaril.

Imaxes relacionadas