O Sergas e a Federación Autismo Galicia colaboran na atención a persoas con trastornos do espectro autista no entorno sanitario

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e a presidenta da asociación, María José Álvarez Folga, veñen de asinar un convenio de colaboración

O Sergas aportará 42.000 euros para o desenvolvemento de actividades de sensiblización, formación, promoción da saúde e mellora da accesibilidade cognitiva

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2020

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e a presidenta da Federación Autismo Galicia, María José Álvarez Folga, asinaron por vía telemática un convenio de colaboración entre o Sergas e a devandita asociación para o desenvolvemento de actividades de sensibilización, formación, promoción da saúde e mellora da accesibilidade cognitiva no entorno sanitario.

En base ao convenio asinado, o Sergas achegará unha cuantía de 42.018 euros para a mellora da accesibilidade cognitiva nos centros sanitarios, analizando as barreiras que deben ser superadas e mediante a colocación dunha sinalización que identifica os espazos. Tamén ser realizarán vídeos e accións que consisten en explicacións sinxelas dos procesos sanitarios mediante pictogramas que se facilitan ás familias e se expoñen nas consultas, anticipando o que vai suceder.

Para levar a cabo estas actividades traballarase conxuntamente coas xerencias das áreas sanitarias definindo os espazos, que dentro dun centro sanitario, poden ser visitados por pacientes con trastorno do espectro do autismo con maior frecuencia, tales como pediatría, urxencias pediátricas, neuroloxía, e saúde mental entre outras. Este tipo de técnicas reducen o nerviosismo dos pacientes. Ademais, facilita a comprensión do sistema e dos espazos sanitarios á toda a poboación especialmente no caso das persoas maiores e os nenos.

Xunto a estas actividades nos centros sanitarios, o convenio tamén recolle o desenvolvemento de formación específica para profesionais no ámbito dos trastornos do espectro autista ademais de actividades relacionadas coa promoción da saúde, a adquisición de hábitos saudables e habilidades funcionais para estas persoas. A todo isto hai que engadir outras actividades de sensibilización para a sociedade en xeral.

Imaxes relacionadas