A Xunta leva entregadas aos concellos lucenses 218.400 unidades de protección para facer fronte ao COVID-19

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explica que só na última semana repartíronse 43.000 novos elementos, sobre todo máscaras e guantes pero tamén traxes e xel desinfectante

Dende o comezo da crise sanitaria, o Goberno galego achegou ao concello de Lugo 39.000 unidades para os traballadores municipais

Lugo, 24 de abril de 2020

A Xunta de Galicia vén de completar nos últimos días un novo envío de material de protección fronte á COVID-19 con destino aos concellos da provincia de Lugo, o que eleva a suma a 218.400 unidades de protección subministradas dende o comezo da crise sanitaria, entre elas 84.500 máscaras e 126.000 guantes.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que só na última semana distribuíronse 43.000 novas unidades aos municipios lucenses para uso preferente dos servizos sociais, emerxencias ou transportes público. En concreto, o Goberno galego facilitou estes días 22.400 guantes, 19.750 máscaras cirúrxicas, 115 máscaras FFP2, 331 traxes, 207 botes de xel hidroalcohólico e 141 garrafas de 5 litros de desinfectante.

Deste reparto benefícianse os 67 concellos da provincia, incluído o da capital, ao que o Goberno galego ten subministrado 39.000 unidades de protección, delas 7.200 na última semana.

O material está sendo destinado principalmente para uso dos servizos sociais e de emerxencias, como o Servizo de Axuda no Fogar, Protección Civil ou Policía Local, e ao transporte público.

A Xunta centraliza as peticións dos concellos en coordinación coa Federación Galega de Municipios e Provincias, en base a criterios obxectivos tendo en conta a poboación, o número de casos positivos, o número de efectivos de Policía, o número de voluntarios de Protección Civil, e o número de horas do servizo de axuda no fogar.

Con esta medida, Goberno galego pretende dotar do equipamento necesario ás entidades locais para que os traballadores dos servizos municipais que continúan desempeñando as súas funcións conten co material de protección que precisan.

Imaxes relacionadas