A Xunta adxudica as obras de protección da conca do rego dos Lobeiros, no concello de Vilarmaior

Este contrato, cun investimento autonómico de 38.000 euros, dispón dun prazo de execución de 3 meses

Os traballos permitirán evitar as inundacións causadas nun camiño municipal polo desbordamento do rego no tramo de Augas Longás
 

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar a execución das obras de protección da conca do rego dos Lobeiros, no concello de Vilarmaior.

Este contrato, cun investimento autonómico de 38.000 euros, foi adxudicado á empresa Excavaciones y Canalizaciones Conde, S.L. O prazo de execución estimado desta actuación é de 3 meses.

Na actualidade, o rego dos Lobeiros, no tramo de Augas Longás, está a producir un socavamento e lavado no camiño municipal do mesmo nome, co conseguinte risco de derrubamento da dita vía.

Este contrato de Augas de Galicia prevé os traballos necesarios para evitar as inundacións neste camiño polo desbordamento do rego.

As obras consisten na execución dunha barreira de protección no tramo afectado, así como a elevación da rasante do camiño nun metro aproximadamente, mediante recheo e posterior reposición.