A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo hoxe unha videoconferencia co equipo responsable das actuacións para supervisar o seu avance e as medidas de protección da saúde adoptadas por mor do COVID-19

A Xunta constata que o avance con seguridade nas obras da Malata permitirá acadar nos vindeiros meses a meta do saneamento integral da ría de Ferrol

Ethel Vázquez destaca a importancia de manter activo un investimento da Xunta de 7 millóns de euros en Ferrol e de garantir os 25 postos de traballo directos

As actuacións xa acadan unha execución de algo máis do 50 %, pois o tanque de tormentas do entorno do CIS, na Cabana, está practicamente rematado

Antes do verán poderá conectarse ao sistema de saneamento o entorno da Cabana, co que a metade da enseada xa quedará libre de vertidos mentres se completan as obras na Malata

O Executivo autonómico avanza no saneamento integral das rías galegas polo ben do medio ambiente, do turismo, da pesca e do marisqueo

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe a constatación de que o avance con seguridade nas obras que se están a executar na Malata permitirá acadar nos vindeiros meses a meta do saneamento integral da ría de Ferrol, un obxectivo ao que se veñen dedicando importantes esforzos e recursos nos últimos anos.
Ethel Vázquez, a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, mantiveron hoxe unha videoconferencia co equipo responsable das obras de saneamento da Malta para supervisar o seu avance e as medidas de protección da saúde adoptadas por mor do COVID-19.
Na reunión abordouse o reinicio a semana pasada das obras, que se interromperan polo cese xeral de actividades non esenciais, e constatouse que os traballos se están a realizar mantendo as distancias de seguridade e con material de protección como guantes e mascarillas.
A este respecto, Vázquez Mourelle lembrou que a Xunta puxo á disposición dos profesionais da construción instrucións de prevención específicas para o sector e tamén habilitou unha canle para a adquisición de material de protección a prezo de custo.
No encontro tamén se avaliou a evolución actual das obras, que están a avanzar a bo ritmo e no seu conxunto xa acadan unha execución de algo máis do 50 %.
A responsable de Infraestruturas concretou que o tanque de tormentas do entorno do CIS, na Cabana, está xa practicamente rematado e só pendente da instalación dos equipos e das acometidas.
Precisou que tanto o tanque de tormentas como a estrutura de regulación da Malata teñen as súas estruturas tamén moi avanzadas e xa se executaron máis de 1.350 dos 4.000 metros de colectores interceptores proxectados.
Explicou que conforme á posta en servizo planificada por fases, antes do verán poderá conectarse ao sistema de saneamento o entorno da Cabana, co que a metade da enseada quedará libre de vertidos mentres se completan as obras na zona da Malata.
Fixo fincapé en que continuar este proxecto hidráulico supón manter activo un investimento público da Xunta de 7 millóns de euros en Ferrol, e, desa forma, garantir os 25 postos de traballo directos que están asociados á execución deses traballos.
Puxo en valor que ao mesmo tempo se avanza nunha das grandes prioridades da Xunta na última década, que é o saneamento integral das rías galegas polo ben do medio ambiente, do turismo, da pesca e do marisqueo.

Imaxes relacionadas