Miranda pide aos galegos da Arxentina e o Uruguai colaboración para tecer xuntos unha rede de solidariedade para detectar os casos de necesidade que poida deixar o coronavirus

O secretario xeral da Emigración celebrou unha videoconferencia con representantes destes países andinos, dous dos de maior tradición receptora da emigración galega

A Delegación da Xunta en Bos Aires, encabezada por Alejandro Lopez Dobarro, está a intensificar o contacto coas persoas de orixe galega e coas entidades como centros de referencia

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2020

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, vén de pedir aos galegos da Arxentina e O Uruguai a sua colaboración para tecer xuntos unha rede de solidariedade que permita ao Goberno galego, a través da Delegación da Xunta en Bos Aires, detectar os casos de necesidade que se vaian producir no futuro a causa do coronavirus. O titular do departamento autonómico animou aos galegos de ámbolos dous países andinos a “converterse nos ollos de Galicia nun momento no que todos temos que facer un esforzo extra de xenerosidade para dar o mellor de nós”. “Aínda non sabemos que consecuencias vai ter a pandemia, e necesitamos da vosa axuda para chegar a todos os galegos que poidan verse máis afectados e necesitarnos agora máis ca nunca”, engadiu.
Miranda, quen mantivo un encontro telemático con representantes da colectividade ás dúas marxes do Río da Plata, lanzou unha mensaxe de tranquilidade aos galegos repartidos por 146 países do mundo, os que asegurou que o Executivo galego está sempre “atento á súa situación, pero con máis intensidade aínda se cabe nestes intres tan complexos e excepcionais”. Para logralo convértese nun instrumento fundamental o traballo que desenvolve de xeito cotiá a Delegación da Xunta na Arxentina e O Uruguai, ao fronte das cales está Alejandro López Dobarro, que nestes momentos está a intensificar o seu trato directo coas persoas de orixe galega e coas entidades como centros de referencia. O secretario xeral da Emigración advertiu, ademais, que ninguén debe baixar a garda ante unha pandemia que está a afectar de xeito diferente e escalonadamente a practicamente todos os países do mundo.
O titular do departamento galego celebrou unha videoconferencia con representantes do Patronato da Cultura Galega, o Centro Gallego de Montevideo, a Casa de Galicia, o Hogar Español de Montevideo, o Centro Cultural y Recreativo Hijos de Galicia, o Centro Social Cultural Bergantiños, o Centro Pontevedrés Social e Deportivo de Montevideo, o Centro Ourensán de Montevideo, o Centro Social Cultural e Deportivo de Bolos Valle Miñor, e o Centro Cultural y Recreativo Alma Gallega, do Uruguai. Os galegos da Arxentina, pola súa banda, estiveron representados pola Asociación Civil Hijos del Ayuntamiento de Zas, o Centro Arzuano Mellidense, o Centro Galicia de Buenos Aires, Cultural, Social e Deportivo, Centro Gallego de La Plata, Centro Lalín, Agolada y Silleda de Galicia en Buenos Aires, a Sociedad Parroquial de Vedra de Mutualidad y Cultura, Centro Gallego de Mar del Plata, Centro Gallego Asociación Mutual Social, Cultural y Recreativa de Rosario, a Casa de Galicia en Puerto Madryn.

Máis de 220.000 galegos no Río da Plata

Estas xuntanzas virtuais complementan a nova rolda de contactos telemáticos que o secretario Xeral da Emigración vén mantendo cos galegos dos principais países de América e Europa cunha maior presenza galega, como Brasil, Suíza, Alemaña, Venezuela, Francia, Reino Unido, e así ata máis dunha decena. A elevada cantidade de entidades e poboación galega que acubilla A Arxentina levou ao departamento autonómico a distribuílos en varios grupos para poder chegar ao maior número posible de afectados pola crise orixinada pola COVID-19. O resto de videoconferencias celebraranse nos vindeiros días.
O Río da Plata, congrega máis de 220.000 galegos, preto do 40% do total que vive fóra das nosas fronteiras. Deles, 180.908 residen na Arxentina, o país do mundo cunha maior presenza galega, e 41.162 no Uruguai, que ocupa o cuarto lugar só por detrás do Brasil e Cuba.

Imaxes relacionadas