A Xunta realiza unha consulta ao tecido empresarial galego para fabricar novos produtos que axuden a previr e combater o COVID-19

O presidente do Goberno galego visitou hoxe en Silleda a empresa Arlit, que reorientou a súa actividade e vén de entregar ao Sergas máis de 30.000 pantallas protectoras faciais

Esta consulta ás pemes galegas que se activa hoxe permitirá finalizar o deseño dunha nova liña de axudas destinada a apoiar a produción de medicamentos, tratamentos, equipos hospitalarios e médicos e outros bens

Esta iniciativa súmase á convocatoria xa aberta por 2,5 millóns de euros para impulsar a reorganización produtiva das empresas galegas para facer fronte á emerxencia sanitaria

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2020

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, visitou hoxe en Silleda a empresa Arlit, dedicada á impresión en gran formato sobre distintos tipos de superficie e que, ante a actual situación, reorientou a súa actividade e comezou a producir pantallas protectoras faciais, das cales entregou máis de 30.000 unidades ao Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Precisamente a Xunta vén de activar hoxe, mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), unha consulta ao tecido produtivo galego destinada a coñecer a dispoñibilidade das pemes galegas para acometer a fabricación de produtos que sirvan para combater o COVID-19.

Os resultados da sondaxe permitirán finalizar o deseño dunha nova liña de axudas que o Goberno galego activará nos próximos días para impulsar a produción en Galicia de medicamentos, tratamentos e equipamentos hospitalarios e médicos, entre outros bens destinados ao uso de persoal sanitario, de traballadores e da poboación en xeral.

A partir de mañá e ata o vindeiro mércores 29 de abril, as pemes galegas poderán comunicar, de xeito telemático, os proxectos que poderían acometer para a fabricación deste tipo de produtos e as súas características, así como as suxestións que consideran oportunas para incorporar na liña de apoios que se vai activar proximamente.

En concreto, o novo programa impulsará a produción polas empresas galegas de medicamentos -incluídas as vacinas- e tratamentos contra o COVID-19, produtos intermedios, ingredientes farmacéuticos activos e materias primas necesarias para a súa elaboración; produtos sanitarios, equipos hospitalarios e médicos -incluídos respiradores, roupa e equipos de protección e ferramentas de diagnóstico-, e as materias primas necesarias; desinfectantes; e ferramentas de recollida e/ou tratamento de datos. Os apoios previstos poderán acadar ata 800.000 euros.

Apoios para reorganizar a produción

Esta iniciativa súmase á convocatoria xa aberta para impulsar a reorganización produtiva das empresas galegas para facer fronte á emerxencia sanitaria, dotada con 2,5 millóns de euros. As axudas, de ata 100.000 euros e destinadas a pemes e autónomos, cubrirán o 75% dos investimentos e gastos que realicen as empresas para adaptar a súa produción á fabricación dos seguintes materiais: téxtiles sanitarios, equipos de protección individual (máscaras, cortinas, traxes, gorros, luvas e pantallas de protección persoal), kits e consumibles de diagnose, alcoles e desinfectantes sanitarios, dispositivos de intervención ou tratamento, ventiladores e as súas compoñentes, elementos para a desinfección e outros equipamentos necesarios para a prevención e loita contra o COVID-19 ou o tratamento da enfermidade.

Os proxectos que opten aos apoios terán que propoñer a subministración dunha primeira remesa de produtos antes do 30 de xuño e ser validados polo Comité de fabricación de equipamento sanitario, impulsado pola Xunta para xestionar a oferta e a demanda de subministración de equipamento, que a través da plataforma online Marketplace reúne xa as ofertas dun cento de empresas. Entre elas, está a empresa que, con máis de 20 anos de experiencia, visitou esta mañá o presidente da Xunta.

Imaxes relacionadas