A Xunta adxudica as obras de mellora e posta en marcha da depuradora de Portoquintáns, no Concello de Coristanco

Este contrato, cun investimento autonómico de máis de 43.000 euros, dispón dun prazo de execución de 5 meses

Trátase de actuar no bombeo de cabeceira de instalación que na actualidade está sen funcionar, para proceder á posta en marcha da estación depuradora

A depuradora foi entregada ao Concello a comezos de 2017, pero o anterior goberno municipal non cumpriu a súa obriga de poñela en marcha

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar as obras de mellora e posta en marcha da depuradora de Portoquintáns, no concello de Coristanco.
Este contrato, cun investimento autonómico de máis de 43.000 euros, foi adxudicado á empresa Copasa. O prazo de execución estimado destas obras é de 5 meses.
A estación depuradora de augas residuais de Portoquintáns foi construída e posta en funcionamento no marco do contrato de colectores xerais da depuradora de Vilaverde, sendo entregada o municipio coruñés no primeiro trimestre do ano 2017. O anterior goberno municipal non cumpriu a súa obriga de poñer en marcha as instalacións, o que obriga agora a acometer actuacións de mantemento e mellora para poder activar o seu funcionamento.
A instalación de Portaquintáns foi deseñada para sanear e depurar as augas xeradas por unha poboación equivalente a 600 habitantes, pero na actualidade o bombeo de cabeceira de depuradora non funciona, deixando a totalidade da instalación parada.
Coas obras contratadas por Augas de Galicia proponse a mellora da impulsión de cabeceira con bombas que dispoñan de funcionalidades preprogramadas para adaptarse automaticamente ao entorno cambiante das augas residuais.
Os traballos inclúen a instalación de dúas novas bombas, e a adaptación das instalacións eléctricas e autómata aos novos equipos. Posteriormente procederase a posta en marcha da estación depuradora.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa achegando o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.