A Xunta destaca a capacidade de resposta do sector da distribución de alimentación en Galicia para abastecer a cidadanía

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo un encontro telemático con representantes dos distribuidores de alimentos e bebidas da provincia de Lugo

Sinala que se está traballando co sector desde o punto de vista da prevención no ámbito laboral para garantir a seguridade e trasladar confianza aos traballadores e ao conxunto da sociedade galega

O Goberno autonómico vén de elaborar unha guía específica para as tendas de alimentación

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, que mantivo hoxe unha videoconferencia con representantes dos distribuidores de alimentos e bebidas da provincia de Lugo, sinalou que este sector está “redobrando os seus esforzos para abastecer a cidadanía galega”. Neste sentido, agradeceu o “compromiso, a eficacia e a capacidade de resposta que está tendo, adaptando a súa loxística para distribuír a través de diferentes canles”.

Conde apuntou que as empresas deste ámbito están “desenvolvendo un labor absolutamente clave nestes momentos” e apuntou que desde a Xunta tamén se está traballando co sector desde o punto de vista da prevención no ámbito laboral.

Así, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria lembrou que se están a desenvolver cos diferentes sectores guías específicas de prevención e saúde ante o coronavirus, incluíndo unha para as tendas de alimentación. Neste caso, o obxectivo, tal e como explicou o conselleiro, é garantir a seguridade e trasladar confianza aos traballadores e aos consumidores, así como ao conxunto da cidadanía.

Clúster téxtil

Conde reuniuse hoxe tamén de xeito telemático co clúster téxtil galego, Cointega, para coñecer como se está a desenvolver a subministración de novos téxtiles sanitarios e materiais de protección que están a fabricar empresas galegas do sector. Este encontro tamén serviu para avaliar como está a ser o impacto da pandemia nesta industria estratéxica, e cara a onde se poden orientar os futuros apoios.

Imaxes relacionadas