A cadea de supermercados DIA súmase ás empresas que colaboran con Mercaproximidade, a canle alternativa de comercialización para o agro galego creada pola Xunta

Esta cadea de distribución tamén impulsará a compra e fomentará o consumo de produtos agrogandeiros da comunidade, ao igual que Gadis, Froiz, Vegalsa-Eroski, Carrefour, El Corte Inglés, Lidl, Alcampo, Grupo Cuevas e Coviran

A Consellería do Medio Rural continúa a manter contactos coas empresas que subministran a colectividades ou coas plataformas online para que tamén se incorporen e contribúan a paliar o peche da hostalaría e dos mercados locais

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2020

Coa incorporación de DIA xa son dez as empresas que decidiron colaborar con Mercaproximidade, a canle alternativa de comercialización para o agro galego creada pola Xunta para paliar así o peche da hostalaría e dos mercados locais. Actualmente tamén integran esta iniciativa Gadis, Froiz, Vegalsa-Eroski -cos seus establecementos Eroski e Familia-, Carrefour, El Corte Inglés, Grupo Cuevas -a través da súa rede de supermercados Plenus-, Lidl, Alcampo e Coviran.

En todo caso, a posibilidade de sumarse a esta canle segue aberta e a Consellería do Medio Rural –promotora da iniciativa– continúa mantendo contactos para que se incorporen a ela outras empresas, como as que subministran a colectividades ou as plataformas de venda online.

Ao se adheriren á rede Mercaproximidade, estas empresas asumen o compromiso de dar saída durante o estado da alarma aos produtos agroalimentarios que actualmente non poden adquirirse nos mercados tradicionais nin consumirse nos restaurantes ou establecementos de hostalaría. Os produtos distribuiranse debidamente identificados, para que o consumidor estea perfectamente informado da súa orixe e da súa calidade diferenciada.

As producións que poden beneficiarse desta canle son, entre outras, as froitas, as hortalizas, os produtos lácteos ou apícolas, así como a carne de vacún, porcino, ovino ou caprino. Ademais dos produtores, poden acollerse as industrias transformadoras de produtos agroalimentarios.

De xeito paralelo, a Consellería do Medio Rural lanzará unha campaña de sensibilización dirixida ao consumidor final, visible tanto nos establecementos de alimentación como nos medios de comunicación. O obxectivo é conciencialo da importancia de apostar polo agro galego durante esta situación de emerxencia sanitaria por mor do coronavirus, para garantir a supervivencia das explotacións como motor dinamizador do noso rural.

Imaxes relacionadas