A Xunta segue ampliando a lista de empresas que colaboran con Mercaproximidade, coa adhesión de Coviran a esta canle alternativa de comercialización para o agro galego

A cadea de distribución comprométese a impulsar a compra e fomentar o consumo de produtos agrogandeiros da comunidade, como xa fixeran Gadis, Froiz, Vegalsa-Eroski, Carrefour, El Corte Inglés, Lidl, Alcampo e Grupo Cuevas

A Consellería do Medio Rural segue mantendo contactos para que as empresas que subministran a colectividades ou as plataformas online se sumen tamén a esta iniciativa, que busca paliar o peche da hostalaría e dos mercados locais

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2020

A Xunta segue ampliando a lista de empresas que colaboran coa rede Mercaproximidade, coa adhesión de Coviran a esta canle alternativa de comercialización concibida para os produtos agroalimentarios galegos afectados polo peche da hostalaría e dos mercados locais.

A nova incorporación vén engrosar unha relación de cadeas de distribución na que xa constaban Gadis, Froiz, Vegalsa-Eroski -cos seus establecementos Eroski e Familia-, Carrefour, El Corte Inglés, Grupo Cuevas -a través da súa rede de supermercados Plenus-, Lidl e Alcampo. Así e todo, a iniciativa permanece aberta e a Consellería do Medio Rural segue mantendo contactos para que continúen sumándose a ela outras empresas, como as que subministran a colectividades ou as plataformas de venda online.

Coa adhesión á rede “Mercaproximidade”, estas empresas comprométense a dar saída durante o estado da alarma aos produtos agroalimentarios que actualmente non poden adquirirse nos mercados tradicionais nin consumirse nos restaurantes ou establecementos de hostalaría. Estas producións distribuiranse debidamente identificadas, para que o consumidor estea perfectamente informado da súa orixe e da súa calidade diferenciada.

Os produtos que poden beneficiarse desta canle alternativa de comercialización son, entre outros, as froitas, as hortalizas, os produtos lácteos ou apícolas, así como a carne de vacún, porcino, ovino ou caprino. Ademais dos produtores, poden acollerse as industrias transformadoras de produtos agroalimentarios.

En paralelo, a Consellería do Medio Rural lanzará unha campaña de sensibilización dirixida ao consumidor final, visible tanto nos establecementos de alimentación como nos medios de comunicación. O obxectivo é conciencialo da importancia de apostar polo agro galego durante esta situación de emerxencia sanitaria por mor do coronavirus, para garantir a supervivencia das explotacións como motor dinamizador do noso rural.

Imaxes relacionadas