A Xunta leva repartidos case 1,4 millóns de unidades de material de protección contra o coronavirus aos concellos galegos

As sete cidades galegas recibirán hoxe unha nova entrega de 30.500 luvas, 22.400 máscaras, 500 traxes e 40 pantallas faciais

A Administración autonómica está a dotar ao 100% dos municipios galegos do material necesario para a protección dos servizos municipais na loita contra o COVID-19

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2020

A Xunta autorizou hoxe facer entrega dun novo envío de material de protección fronte á COVID-19 con destino ás sete cidades galegas que suporá a distribución de máis de 53.400 unidades de material de protección. En concreto, distribuiránse 30.500 luvas, 22.400 máscaras, 500 traxes e 40 pantallas faciais.

O Goberno galego leva entregados ata agora á totalidade dos concellos galegos arredor de 1,4 millóns de unidades de protección desde o inicio da situación de emerxencia sanitaria como consecuencia de coronavirus, das que máis de 356.540 se repartiron entre as sete cidades galegas. En total, os municipios da comunidade teñen recibido máis de 785.700 luvas, 585.200 máscaras, 16.648 traxes, 10.000 batas e 40 pantallas faciais. A todo este material, súmanse case 5.000 botes de xel hidroalcohólico, 810 garrafas de desinfectante e case 4.300 unidades de lixivia.

Cómpre ter en conta que, ante a actual crise do coronavirus, os concellos desenvolven servizos fundamentais, a través de recursos como Protección Civil, servizos de axuda no fogar, Policía Local ou transporte público, aos que a Xunta está a dotar do equipamento necesario. A Xunta está a achegar material ás entidades locais galegas e tamén ás deputacións da Coruña e Ourense fixeron entrega de lotes de material sanitario para o seu reparto por parte do Goberno galego a través da súa plataforma loxística Clonegal.

A Administración autonómica leva repartido material de protección ao 100% dos concellos da comunidade desde o seu centro loxístico, desde que se priorizou nun primeiro momento aos concellos pequenos e medianos, ao dispoñer de menos recursos, para estender posteriormente este sistema de reparto con entregas ás cidades. A Xunta está centralizar as peticións dos concellos en relación coas necesidades de material, en coordinación e a petición da Federación Galega de Municipios e Provincias.

Os criterios de reparto están consensuados coa Fegamp e realízanse en base a criterios obxectivos tendo en conta a poboación, o número de casos positivos, o número de efectivos de Policía, o número de voluntarios de Protección Civil, e o número de horas do servizo de axuda no fogar.