A Xunta achega ao sector biotecnolóxico as medidas de apoio á innovación relacionadas co COVID-19

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá no ‘bioalmorzo’ virtual organizado polo Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), centrado nas medidas de apoio fronte ao coronavirus

Informou das medidas de apoio á innovación postas en marcha polo seu departamento, en especial as axudas directas aos proxectos seleccionados a través da chamada para identificar as capacidades do Sistema galego de innovación
 

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2020

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá nun bioalmorzo virtual organizado polo Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) para explicar as medidas adoptadas pola Xunta para apoiar proxectos innovadores relacionados co Covid-19, no que interveu tamén a presidenta do clúster, Carme Pampín, e que foi seguido por arredor de 90 persoas.

A directora de Gain explicou as iniciativas postas en marcha pola Xunta para apoiar a innovación realizada en Galicia fronte á pandemia. En especial, centrouse na chamada realizada polo seu departamento ao Sistema galego de innovación para identificar as súas capacidades de resposta na busca de solucións innovadoras que se puidesen desenvolver de xeito inmediato, como dispositivos de intervención ou tratamento, solucións para fabricación de ventiladores ou equipos de protección individual. Esta consulta, que estivo aberta unha semana, recibiu 160 propostas que foron avaliadas por axentes externos especialistas en cada unha das materias.

Do total de iniciativas recibidas, preseleccionáronse 11 propostas innovadoras susceptibles de ser transferidas ás autoridades sanitarias, o comercio, a industria, as forzas e corpos de seguridade e aos servizos sociais non asistenciais, que agora se financiarán a través de axudas directas e que se articulará a través de convenios de colaboración para axilizar a súa tramitación, dada a situación de emerxencia derivada da evolución da pandemia.

Ademais dos proxectos de innovación preseleccionados dentro desta chamada de Gain, recibíronse unha gran diversidade de propostas. Aquelas cunha compoñente máis de ciencia e investigación, foron reorientadas cara a convocatoria do Instituto de Salud Carlos III e tamén se está valorando como apoialas dende Gain. Ademais, ao redor de medio centenar de solucións foron derivadas ao Comité de fabricación da Xunta de Galicia que puxo en marcha a plataforma Marketplace para xestionar a oferta e a demanda de subministración de equipamentos.

Argerey informou tamén aos participantes no bioalmorzo de que, durante o estado de alarma, se poden seguir presentando solicitudes ás ordes de axuda de Gain que teñen o prazo de solicitude aberto.


Ademais das medidas de apoio de Gain, durante o encontro se explicaron outras medidas de apoio habilitadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para facer fronte á emerxencia sanitaria, en eidos como a inxección de liquidez ou o apoio á reestruturación produtiva para a fabricación de medios de protección ante o coronavirus.
 

Imaxes relacionadas