Un cento de empresas galegas ofrece material de protección fronte ao COVID-19 a través da plataforma online activada pola Xunta

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destaca que as compañías da Comunidade están demostrando a súa capacidade “para reinventarse no contexto actual e para desenvolver novos produtos”

A Administración galega realiza hoxe a entrega do segundo envío de máscaras a pemes e autónomos para chegar así aos dous millóns repartidos co obxectivo de que a volta ao traballo se produza con todas as garantías
 

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, indicou hoxe que un cento de empresas galegas ofrece material de protección fronte ao coronavirus no Marketplace, plataforma online que se enmarca dentro do Comité de fabricación impulsado pola Xunta para xestionar a oferta e a demanda de subministración de equipamentos. Conde, que mantivo unha videoconferencia cunha das compañías participantes, a dezá Arlit, sinalou que as empresas galegas están demostrando a súa “capacidade para reinventarse no contexto actual e para desenvolver novos produtos”.

Conde agradeceu o compromiso das numerosas empresas galegas que están a botar unha man contra o COVID-19, poñendo todos os medios dos que dispoñen ao servizo da saúde pública e da protección dos traballadores e cidadáns. Segundo sinalou, están a constatar que a fórmula da colaboración público-privada amplifica o alcance das medidas adoptadas fronte ao coronavirus, ao tempo que poñen de manifesto a capacidade innovadora da industria galega.

Por outra banda, Conde apuntou que a Administración autonómica realiza hoxe o reparto do segundo envío de máscaras a pemes e autónomos para chegar así aos dous millóns repartidos. Unha actuación que se desenvolve en colaboración con preto de 50 asociacións empresariais, clústers e outras entidades para garantir “que a volta ao traballo se estea desenvolvendo con todas as garantías” e “co equipamento de protección que é preciso”.

A Xunta tamén ten en marcha unha nova liña de axudas para pemes e autónomos dotada con 2,5 millóns de euros e destinada a impulsar a reorganización produtiva das empresas galegas para facer fronte á emerxencia sanitaria, con apoios de ata 100.000 euros para facilitar as transformacións necesarias para que leven a cabo a fabricación inmediata de material de protección.

Imaxes relacionadas