A Xunta retoma as obras de mellora integral da estación de autobuses de Monforte de Lemos

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que se reinician os traballos unha vez transcorrido o período de suspensión de actividades non esenciais

A actuación ten un orzamento de 155.000 euros e servirá para renovar o interior e os exteriores do recinto, incluída a dotación de novo mobiliario

Monforte de Lemos (Lugo), 21 de abril de 2020

A Xunta de Galicia vén de retomar as obras de mellora integral da estación de autobuses de Monforte de Lemos, ás que destina 155.000 euros.

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que os traballos volven estar en marcha despois de verse afectados durante dúas semanas polo decreto estatal que paralizou as actividades non esenciais, entre elas as obras públicas.

A volta á actividade desenvólvese extremando as medidas de precaución, como o uso de mascarillas e o respecto das distancias de seguridade.

Os traballos de reforma na estación de Monforte comezaron a finais de xaneiro. Balseiro lembrou que se levará a cabo unha renovación completa das instalacións, con melloras no interior do edificio e nos exteriores, incluídas as dársenas e a cuberta.

O proxecto inclúe o repintado de teitos e paredes; a actualización do sistema de iluminación e de recollida de augas pluviais; a execución de reformas nos aseos o e o acondicionamento do peche perimetral exterior do recinto, entre outras.

Tamén está prevista a dotación de novo mobiliario na zona de agarda, onde se instalarán bancos; e a colocación de pantallas informativas electrónicas para reforzar a información sobre as saídas e chegadas dos autobuses.

Imaxes relacionadas